-
Para que serve darse de alta no rexistro?
-
Quen se pode inscribir?
-
Cales son as condicións para actuar?
-
Que entende a normativa galega por organización non gobernamental para o desenvolvemento?
-
Se tanto as ONGD como os outros axentes sociais ou entidades teñen entre os seus fins a realización de actividades de cooperación, como saber en que sección debo darme de alta?
-
Como pode avaliar cal é a actividade principal da miña entidade?
-
Que datos están inscritos?
-
Que documentación se debe presentar?
-
Que datos teño que actualizar?
-
As axudas e subvencións
Para que serve darse de alta no rexistro?
A inscrición no rexistro é voluntaria e ten as seguintes finalidades:
- Integrar as accións, actividades e iniciativas das entidades no Plan Director de Cooperación para o Desenvolvemento e nos plans anuais que o desenvolvan.
- Acceso a axudas e subvencións públicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, computables como axuda oficial ao desenvolvemento
Quen se pode inscribir?
As persoas xurídicas que sexan:
- Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, na Sección A.
- Empresas e organizacións empresariais, na Sección B.
- Sindicatos, na Sección C.
- Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento, na Sección D.
Por outro lado, non son inscritibles neste rexistro as seguintes:
- A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades do sector público autonómico reguladas no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
- As entidades locais recoñecidas pola Lei 5/1997, de 22 de xullo, da Administración Local de Galicia.
- As universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia e persoas xurídicas vinculadas, de acordo cos artigos 3 e 6 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia
- As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro da Galeguidade dependente do centro directivo con competencias en materia de emigración, recollido na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
Cales son as condicións para actuar?
Ter personalidade xurídica.
- Ter sede social ou delegación permanente en Galicia.
- Carecer de ánimo de lucro. Neste ámbito carécese del cando non hai apropiación dos beneficios obtidos a través de accións de cooperación para o desenvolvemento financiadas por esta Administración en materia de cooperación, ou se os ingresos obtidos reinvístese en actividades de desenvolvemento, axuda humanitaria ou educación para o desenvolvemento, con coñecemento expreso da Administración.
- Ter unha contraparte local ou socio na zona onde se vaia a realizar o proxecto de cooperación.
Que entende a normativa galega por organización non gobernamental para o desenvolvemento?
A lei describe ás ONGD como entidades con especial dedicación a actividades de solidariedade da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos. Esíxenselles os seguintes requisitos:
- Ser entidades de dereito privado, legalmente constituídas e sen ánimo de lucro, que nos seus estatutos establezan expresamente entre os seus fins a realización de actividades relacionadas cos principios e obxectivos da cooperación para o desenvolvemento.
- Gozar de plena capacidade xurídica e de obrar, e dispor dunha infraestrutura que garanta o cumprimento dos seus fins.
- Ter sede social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma e estar inscritas no correspondente rexistro desta Comunidade.
- Respectar o código de conduta propio das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.
- Non ter relacións de dependencia, nin directa nin indirectamente, de institucións públicas, sexan autonómicas, estatais ou internacionais.
Se tanto as ONGD como os outros axentes sociais ou entidades teñen entre os seus fins a realización de actividades de cooperación, como saber en que sección debo darme de alta?
O que distingue ás ONGD dos outros axentes sociais ou entidades é que a súa actividade principal é a cooperación para o desenvolvemento.
Segundo o disposto no artigo 25 da Lei 3/2003, as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia, como entidades con especial dedicación a actividades de solidariedade da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos, constitúense en interlocutores permanentes da Xunta de Galicia en materia de cooperación internacional para o desenvolvemento.
Como podo avaliar cal é a actividade principal da miña entidade?
Pode avaliarse por calquera medio admitido en dereito. Entre outros:
- Que nos estatutos da entidade se establezan as actividades de cooperación para o desenvolvemento como fin principal.
- Que nos orzamentos e liquidación de contas, a meirande parte dos recursos da entidade se destinen a actividades de cooperación para o desenvolvemento.
- Que a memoria de actividades recolla accións cooperación para o desenvolvemento en maior medida que o resto das accións.
Que datos están inscritos?
- Os identificativos da entidade: denominación, número de identificación fiscal, domicilio social, domicilio da delegación en Galicia, datos identificativos da/s persoa/s representante/s legal/legais e da/s persoa/s administradora/s, datos identificativos da/s persoa/s representante/s en Galicia, número de socios/as, forma xurídica da entidade e data da inscrición.
- Os que acrediten a personalidade xurídica da entidade de que se trate: escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional e, de ser o caso, o certificado de inscrición no rexistro correspondente.
- Os fins que desexa inscribir, que coincidirán con algún dos obxectivos e fins definidos no artigo 2 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, para o caso das ONGD e dos outros axentes sociais aos que se refire a letra g do artigo 23.1 da Lei 3/2003, do 19 de xuño.
- No seu caso, a modificación de calquera dos datos que consten previamente inscritos, a extinción ou disolución da entidade e liquidación e destino dos seus bens.
- Calquera outro dato, cando así o determine a lexislación en vigor.
Que documentación se debe presentar?
- Copia do Documento Nacional de Identidade ou documento identificativo equivalente da persoa representante, só no caso de que non se autorice a súa consulta.
- Copia do nomeamento da persoa representante legal da entidade e do nomeamento da persoa representante da entidade en Galicia.
- Acordo de creación da entidade se é a primeira inscrición en calquera rexistro das Administracións Públicas. As entidades xa inscritas noutro rexistro indicarano, xunto co código e a data de inscrición.
- Estatutos da entidade ou documento que acredite a súa personalidade xurídica.
- Copia do NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente á súa verificación.
- Acreditación de ter o seu domicilio social ou delegación en Galicia.
- Certificación da representación legal en relación á aprobación, se é o caso, das contas anuais así como copia destas.
- Certificado de inscrición no rexistro correspondente, no seu caso.
- Declaración responsable do representante legal da entidade na que se inclúa unha breve descrición da actividade que realiza a entidade, o sector ao que se dirixe a súa actuación, a relación de actividades, proxectos e programas que a entidade realizase en materia de cooperación internacional para o desenvolvemento, así como, no seu caso, as subvencións e axudas destinadas á cooperación internacional para o desenvolvemento recibidas nos tres últimos anos por parte das administracións públicas ou por doantes internacionais.
- Memoria anual correspondente ao último ano de actividade, se a tivese, que inclúa, no caso das entidades empresariais, as accións realizadas pola empresa en materia ambiental, social ou laboral e de cooperación para o desenvolvemento.
- Declaración responsable da persoa que ostenta a representación legal da entidade sobre o cumprimento das normativas ambientais e de dereitos humanos no territorio español e nos países de intervención.
- Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.
Que datos teño que actualizar?
- Aqueles que impliquen alteración respecto dos documentos e/ou datos inscritos, no prazo de dous meses desde que se produza por acordo do órgano de goberno e representación da entidade.
- Do mesmo xeito as entidades terán que presentar dentro dos catro primeiros meses do ano os acordos de aprobación do orzamento anual e da liquidación do exercicio económico anterior.
- A falta de comunicación por parte da entidade no prazo estipulado poderá producir a suspensión dos efectos da inscrición nos termos previstos na normativa xeral de procedemento administrativo.
As axudas e subvencións
Anualmente a Administración publica as axudas e subvencións ás que poden acudir os axentes de cooperación.