Presentación

A denominación Cooperación Galega inclúe o conxunto de iniciativas e actuacións en materia de cooperación para o desenvolvemento promovidas, ben directamente polo sector público autonómico, ben a través dos outros axentes de cooperación para o desenvolvemento, que son financiadas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A través da política pública de cooperación para o desenvolvemento, regulada na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a sociedade galega pon a disposición dos pobos empobrecidos a súa experiencia histórica, os seus valores, activos e recursos, sumándose aos procesos existentes para combater a pobreza e as súas causas e promovendo activamente o dereito ao desenvolvemento integral, humano e sustentable.

Na actualidade, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, é o órgano da Administración encargado de deseñar e dirixir a política de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia.

Nos diferentes ciclos de planificación, a Cooperación Galega foi centrándose naqueles sectores estratéxicos nos que conta con vantaxes comparativas, como en pesca e acuicultura, abastecemento de auga e saneamento, agricultura e desenvolvemento rural e educación para o desenvolvemento.

Na actualidade estamos no último ano de execución do IV Plan director da Cooperación Galega 2018-2021, por terse prorrogado, e que se enmarca na axenda global de desenvolvemento, definida pola Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible das Nacións Unidas. A Axenda 2030 e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) demandan unha política pública de cooperación centrada na xeración de cambios positivos e sostibles nas condicións de vida das persoas nas comunidades e países cos que se asocia a Cooperación Galega, promovendo alianzas para a conservación do noso planeta, a construción da paz, a realización dos dereitos humanos e unha prosperidade compartida.

No cumprimento dos compromisos recollidos no Plan xogan un importante papel os axentes galegos de cooperación. Sen a colaboración das ONGD, das universidades galegas, das empresas e do resto dos axentes de cooperación non poderiamos afrontar o reto do desenvolvemento.

Para a consecución dos nosos obxectivos consideramos de vital importancia a concienciación da sociedade. Desde a Cooperación Galega procuramos fomentar na sociedade a nosa responsabilidade que como pobo desenvolvido temos cara ós máis desfavorecidos. Traballamos neste sentido dende a base dun maior coñecemento das realidades e das situacións de necesidade que viven máis de dous terzos da poboación mundial.

A páxina web da Cooperación Galega pretende ser un espazo de encontro e divulgación da política de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia; unha ferramenta útil para toda a cidadanía e, especialmente, para todas as galegas e galegos que traballan a prol da consecución dun mundo máis xusto e equilibrado.