Estudos
20/06/2016

Coñecemento e actitudes dos cidadáns galegos cara á Política de Cooperación e Axuda para o Desenvolvemento

Este estudo foi realizado por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela a demanda da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia. Con el preténdese dar unha primeira resposta á necesidade, percibida tanto polas autoridades autonómicas como polo conxunto dos actores implicados nas políticas de cooperación e axuda para o desenvolvemento, de dispor de información sobre a opinión e actitude que ten a cidadanía galega acerca de diversos aspectos daquelas políticas, das súas liñas orientadoras e da actuación dos diferentes axentes involucrados nelas.

En particular, tal como dispón no seu punto 4.8 o Plan Anual da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2010, tratouse de avaliar en que medida a sociedade galega coñece as políticas de cooperación e, polo tanto, de verificar se as accións de información e sensibilización realizadas ata o momento produciron os efectos buscados.