Tras tres días de protestas, o balance de vítimas mortais polos disturbios e saqueos vividos na illa africana de Madagascar superou o centenar, segundo informan medios locais.
Só nun centro comercial reducido a cinzas na capital Antananarivo, os bombeiros rescataron 47 cadáveres. Outras 100 persoas resultaron feridas. Sen embargo, non hai cifras oficiais de vítimas.
Por vez primeira, os turistas víronse afectados tamén polos disturbios, despois de que un grupo fora asaltado e atracado o mércores nun hotel da cidade portuaria de Tamatave, na costa oriental da illa. Segundo informacións da emisora de radio Viva, próxima á oposición, houbo 7 mortos e 37 feridos no lugar, mentres a radio católica Don Bosco fala de 5 mortos.
En Antananarivo dominaba hoxe unha tensa calma: o toque de queda imposto o martes foi prolongado onte dúas horas, dende as 20:00 horas ata as 05:00 da madrugada, mentres a policía e os militares saíron ás rúas.
No barrio de Tamjombato, os soldados expulsaron a mozos saqueadores que querían entrar nunha empresa.
Segundo un primeiro balance realizado pola televisión, uns 100 edificios quedaron destruídos polos disturbios e miles de persoas perderon o seu traballo, mentres as autoridades falaron de 92 detidos en toda a illa.
Os disturbios comezaron ao saírse de control unha folga xeral ilimitada convocada o luns. A protesta estivo motivada polo peche de Viva, unha popular emisora televisiva crítica co goberno do presidente, Marc Ravalomanan, de 59 anos, ao que o alcalde da capital e rival político, Andry Rajoelina, acusa de malgaste e comportamento antidemocrático.
A meirande parte dos edificios incendiados pertencen ao presidente, como tres dos sete centros comerciais saqueados. Tamén a casa do portavoz presidencial, Moxe Ramandimbilahatra, foi incendiada e destruída por completo.
As protestas estendéronse despois a outras catro grandes cidades, onde rexistráronse incendios e saqueos. Rajoelina pediu o mércores que se mantiveran pechadas tendas, escolas e edificios da administración ata a fin de semana. Para o sábado está prevista outra manifestación masiva. Ravalomana mostrouse onte, nunha entrevista radial, disposto a dialogar co seu rival político. Fonte:La prensa gráfica
Máis información: