Outras novas
18/02/2009
Outras novas

Sáhara Occidental regresa á axenda da ONU

Christopher Ross, o novo enviado da ONU para Sáhara Occidental, puxo en marcha este mércores a súa primeira visita á rexión dende que asumiu o cargo o pasado mes de xaneiro.

Segundo o previsto, Ross comeza a súa visita de traballo en Rabat, capital de Marrocos, antes de desprazarse a Tindouf, no deserto alxerino, onde ten previsto manter unha serie de conversacións co líder do Frente Polisario, Mohamed Abdelaziz e outros dirixentes do Polisario. Por último, Ross finalizará a súa xira cunha visita á capital alxerina, Argel.

A misión de Christopher Ross, o enviado persoal do secretario xeral de NNUU, Ban Ki-moon, para Sáhara Occidental, enmárcase nos esforzos de Nacións Unidas para acadar unha solución política xusta e duradeira sobre o estatuto de aquel territorio.

Ao final da súa visita á rexión, Ross manterá contactos en Madrid e París, capitais de dous dos países que pertencen ao Grupo de Amigos de Sáhara Occidental. Rusia, Estados Unidos e Gran Bretaña completan o grupo.

Varias roldas de conversacións lideradas pola ONU reuniron o ano pasado a representantes de Marrocos e do Frente Polisario en Nova York. As dúas partes acordaron en proseguir as negociacións ata chegar a unha solución sobre a disputa.

Marrocos quere que a súa soberanía sobre Sáhara Occidental sexa recoñecida internacionalmente, mentres que o Frente Polisario defende un referendo como a mellor forma para decidir o estatuto final do territorio.

fonte:Afrol News

Máis información: