Outras novas
17/04/2009
Outras novas

Sudán permitirá o regreso da axuda humanitaria

O goberno de Sudán permitirá de novo a entrada no país de cooperantes estranxeiros, tras expulsar o pasado mes de marzo as organizacións internacionais despois de que A Haia solicitase a detención do presidente sudanés.
Segundo anunciou hoxe John Kerry, presidente do Comité de Relacións Exteriores do Senado de Estados Unidos, en declaracións ao diario local 'Sudan Tribune' e con motivo da visita que realiza o país, "será restaurada parte da capacidade de asistencia humanitaria".

A expulsión das organizacións humanitarias produciuse o pasado 4 de marzo, como resposta ao ditame emitido días antes pola Corte Penal Internacional, solicitando a detención do presidente de Sudán, Omar Al-Bashir, por crimes de guerra e de lesa humanidade.

A expulsión de Darfur de moitas organizacións de axuda humanitaria deixou un baleiro de asistencia ao que ningún das organizacións que permanecen na rexión pode facer fronte, denunciaron as organizacións a medida que ían abandonando a rexión a comezos de marzo.

A asistencia prestada polas ONG que foron obrigadas a saír de Sudán representaba entre o 60 e o 80 por cento do total da asistencia humanitaria en Darfur.

As organizacións recordaron que, de acordo co Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, que Sudán ratificou, o goberno sudanés está obrigado a absterse de realizar accións que violen os dereitos económicos, sociais e culturais dos seus cidadáns e a pedir asistencia internacional se non pode cumprir coas súas obrigas.

A estratexia militar empregada por todas as partes no conflito que dende hai seis anos asola Darfur saldouse con máis de 300.000 persoas mortas e 2,2 millóns de desprazadas.

 

Fuente: Afrol News