Baixo o lema "Queremos coñecerte e que nos coñezas mellor". Médicos Sen Fronteiras (MSF) chega a Santiago para convidar a cidadanía compostelá a unha ruta pola acción humanitaria, que se desenvolverá entre o 23 de setembro e o 5 de outubro e que consistirá nunha serie de exposicións, charlas, documentais, eventos e actividades artísticas e culturais que queren converter os composteláns e as compostelás en cidadáns sen fronteiras e darlles a coñecer o traballo da organización médico-humanitaria con poboacións atrapadas polos conflitos e a violencia, ou afectadas polas enfermidades esquecidas en todo o mundo. O acto central terá lugar o 1 de outubro e consistirá nun diálogo aberto no auditorio de ABANCA, da man de Fernanda Tabarés e do presidente de MSF España, José Antonio Bastos.
A campaña, que busca unha activa participación cidadá, arranca o 23 de setembro ás 12 horas no check-point fronteirizo (unha caseta de vixilancia como as que a miúdo deben cruzar os equipos de MSF no terreo) instalado na Praza do Toural: Susana Seivane e Oriol Junyent subirán a barreira de control para permitir simbolicamente a entrada a "Santiago Sen Fronteiras". O resto dos días nos que MSF permaneza na cidade, este check-point' fará as veces de punto de información sobre todas as actividades previstas na cidade e diversos grupos de música, danza e teatro cederán a súa arte de xeito gratuíto para amosar o seu apoio a MSF.