Proxecto de difusión do concepto de Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano a través da sensibilización e a educación formal na comunidade universitaria e na sociedade galega en xeral 2012
En Enxeñería Sen Fronteiras Galicia somos testemuñas de como a sociedade galega non exerce sempre como cidadanía crítica, constatando unha falta de compromiso social e conciencia da mesma na loita contra a pobreza e a exclusión social que sofre parte da poboación mundial, especialmente nos países empobrecidos, xa que a pesares de que si amosa interese nestas temáticas, valórase moito máis o traballo das ONGD en proxectos no terreo que aquí. Este proxecto, a través da Educación para o Desenvolvemento nas súas dimensións de Educación-Formación e Sensibilización, pretende difundir o acceso a servizos básicos como dereito humano e introducir o concepto da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano como unha ferramenta necesaria para conseguir un mundo máis xusto e solidario.
Na dimensión de Educación-formación realizaranse distintas actividades de educación formal centradas especialmente no ámbito universitario galego, aínda que tamén se buscará chegar a un público máis xeral. Entre elas destacará a realización dunha materia de libre elección curricular (“Introdución á Cooperación para o Desenvolvemento”); a realización de varios cursos nos distintos campus das tres universidades galegas de introdución á cooperación (“Tecnoloxía e cooperación para o desenvolvemento humano” e “Un mundo desigual”).
Na dimensión de Sensibilización realizaranse proxeccións de materiais audiovisuais, xornadas e charlas, co obxectivo de concienciar á poboación universitaria e á sociedade civil de Galicia sobre a importancia do acceso aos servizos básicos (auga, enerxía, nutrición) e o uso racional dos recursos naturais, así como dar a coñecer a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano e situacións de desigualdade e inxustiza, amparándose na experiencia que a organización posúe tras traballar en diversos países do Sur. Coa mesma finalidade, explorarase outra nova ferramenta de sensibilización como é o teatro social, formando ao voluntariado para crear pezas teatrais na que se abordarán as problemáticas indicadas anteriormente.
Obxectivo Xeral: Cidadanía global comprometida na loita contra a pobreza e a exclusión, promovendo o desenvolvemento humano e sostible, a través de procesos de educación que transmitan coñecementos e promovan novas actitudes e valores empregando a Tecnoloxía para o Desenvolvemento humano.
Obxectivo Específico 1: Introducir o concepto da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano como ferramenta para conseguir un mundo máis xusto e solidario dentro da educación formal e regrada empregando materias, cursos e seminarios de extensión universitaria nas tres universidades galegas.
Obxectivo Específico 2: Aumentada a conciencia crítica da poboación galega a través da sensibilización e educación non formal sobre o acceso a servizos básicos como a auga e a soberanía alimentaria, o uso racional dos recursos naturais, a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano e sobre as situacións de desigualdade e inxustiza.
Resultado 1.1.: Formada a poboación universitaria sobre a situación actual de desigualdade, analizando as causas, consecuencias e alternativas para solucionala a través dos principios de cidadanía global e a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano.
Actividades:
A.1.1.1.: Organización do Curso “Tecnoloxía e cooperación para o desenvolvemento humano” na USC.
A.1.1.2.: Organización da Materia “Introdución á Cooperación para o Desenvolvemento”, na UDC.
A.1.1.3.: Organización do Curso “Un mundo Desigual”, na UVIGO.
Resultado 1.2.: Formada a poboación universitaria e doutros ámbitos sobre acceso a servizos básicos centrándose na soberanía alimentaria, principios da cidadanía global e Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano.
Actividades:
A.1.2.1.: Xornadas de Soberanía Alimentaria.
A.1.2.2.: Elaboración de material didáctico (tradución Risc e xogo ONGD).
A.1.2.3.: Apoio á realización do curso online “Gestión de Proyectos de Cooperación Internacional de base tecnológica”.
Resultado 2.1.: Sensibilizada a poboación universitaria e a base social de Enxeñería sen Fronteiras sobre o acceso a servizos básicos (dereito á auga e a soberanía alimentaria), no uso racional dos recursos naturais baixo os principios de Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano.
Actividades:
A.2.1.1.: Ciclo de cine en Santiago de Compostela.
A.2.1.2.: Campaña de sensibilización sobre outras realidades (elaboración de material, exposicións, e charlas).
A.2.1.3.: Publicación de reflexións sobre a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano.
A.2.1.4.: Envío de recursos educativos a diversas institucións.
A.2.1.5.: Obradoiro de Teatro Social.
A.2.1.6.: Proxección do filme FLOW e posterior debate.
A.2.1.7.: Campaña “Auga de todos”.
A.2.1.8.: Charlas software libre e Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano.
Resultado 2.2.: Participación en redes nacionais e internacionais sobre Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano e Dereito Humano aos servizos básicos.
Actividades:
A.2.2.1.: Foro Alternativo Mundial da Auga.
A.2.2.2.: Participación en redes nacionais relacionadas coa temática da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e dereito humano aos servizos básicos.
Directa: As actividades da liña da Educación-formación chegarán, aproximadamente, a 400 alumnos e alumnas das tres universidades galegas (UDC, USC, UVIGO) así como ao persoal universitario dos mesmos centros. As actividades orientadas á sensibilización terán como público obxectivo a toda a comunidade universitaria usuaria dos centros onde se implanten as campañas con non menos de 200 persoas como beneficiarias directas.
15783