Proxectos

Proxecto de fortalecemento da lexitimidade social de ESF Galicia: transparencia, comunicación e base social 2012

O proxecto pretende contribuír ao fortalecemento de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (ESF Galicia) nas áreas que se consideran prioritarias actualmente para a organización así como á mellora do sector da cooperación ao desenvolvemento en Galicia. Este aborda tres liñas principais que son a transparencia e bo goberno de ESF Galicia, a mellora da comunicación externa da asociación e o fortalecemento e ampliación da súa base social.

En primeiro lugar, os indicadores de transparencia e bo goberno definen un horizonte que as organizacións do terceiro sector deberán cumprir nos próximos anos. No caso de ESF Galicia, a asociación ten o compromiso de cumprilos durante o ano 2012 para garantir a permanencia da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras, da que forma parte, na Coordinadora Española de ONGD. Ademais do imperativo legal, os indicadores de transparencia e bo goberno constitúen unha ferramenta de moita importancia, polo feito de que foron elaborados polas propias ONGD e constitúen un compromiso do terceiro sector coa mellora continua no desempeño das súas tarefas.

O segundo eixo de traballo contempla a mellora da comunicación externa da organización. As actividades nesta liña están motivadas pola intención de ESF Galicia de facer chegar a súa mensaxe ao seu público obxectivo. Actualmente existen moitas canles de comunicación que permiten chegar de forma case inmediata a un público moi amplo. Por outra banda, a grande cantidade de información que diariamente se nos transmite a través desas canles fai necesaria unha planificación detallada da estratexia de comunicación, polo que a actividade máis importante desta liña é a elaboración dun plano de comunicación da organización, que recolla tanto os obxectivos a medio prazo como as metodoloxías que se empregarán para conseguilos.

A terceira liña deste proxecto é a ampliación e fortalecemento da base social da asociación. ESF Galicia entende o asociacionismo como unha ferramenta de transformación social, polo que se considera interesante tanto aumentar o número de persoas que participen dalgún xeito da asociación como mellorar a súa formación e a boa comunicación entre actores internos. Neste eixo se propoñen actividades de difusión da misión e valores da organización, accións formativas dirixidas ao voluntariado da asociación e traballaranse estratexias novidosas de cara a unha comunicación máis bidireccional e unha consecuente motivación da participación das persoas socias.

Este proxecto pretende, polo tanto, o fortalecemento dos procesos estratéxicos de ESF Galicia, contemplados tanto na vixente planificación estratéxica 2008-2013 como presentes no proceso participativo con motivo da elaboración da nova. A realización deste proxecto contribuirá polo tanto a unha mellora xeral da asociación tanto de forma interna como na súa proxección exterior.

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Consolidación e fortalecemento de ONGD
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Galicia
Axentes: 
ENXEÑERÍA SEN FRONTEIRAS-GALICIA
Código CRS: 
92010 - Apoio a ONGD nacionais
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Aumentada a lexitimidade social e a calidade das accións de ESF Galicia.
Obxectivo Específico: Aumentada a transparencia, bo goberno e coñecemento sobre ESF Galicia e as súas temáticas.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: Mellorada a transparencia e o bo goberno de ESF Galicia.
Actividades:
A.1.1.1.: Realización de auditoría de indicadores de transparencia e bo goberno.
A.1.1.2.: Realización de auditoría de contas.
A.1.1.3.: Redeseño e mellora de aplicacións informáticas de ESF para xestión interna.
A.1.1.4.: Xestións para acadar a declaración de Utilidade Pública.
Resultado 1.2.: Mellorada a comunicación externa de ESF Galicia.
Actividades:
A.1.2.1.: Elaboración de liñamentos estratéxicos de comunicación vencellados á nova Planificación Estratéxica.
A.1.2.2.: Elaboración da memoria e resumo de memoria de actividades 2011-2012.
A.1.2.3.: Mantemento e dinamización das canles 2.0 e comunicación e difusión en medios de comunicación das actividades e mensaxes de ESF.
Resultado 1.3.: Fortalecida e ampliada a base social de ESF Galicia.
Actividades:
A.1.3.1.: Plan de formación 2012 da base social de ESF.
A.1.3.2.: Campaña de mellora da comunicación coa base social.
A.1.3.3.: Campaña de ampliación da base social de ESF Galicia.

Axudas: 

17579