Favorecer a xeración de espazos e ferramentas para a formación, sensibilización e articulación de redes para a mobilización social arredor da defensa dos dereitos humanos das mulleres no norte e no sur
A presente proposta pretende fortalecer as capacidades de diversos actores da sociedade galega para profundar no coñecemento e na defensa dos dereitos humanos das mulleres desde un enfoque de xénero e de dereitos. Para conseguir este obxectivo se presenta unha dobre vía de traballo. Por unha banda, traballarase a potenciación dos coñecementos e a sensibilización sobre os dereitos humanos das mulleres arredor dos eixos do dereito a unha vida libre de violencia (feminicidio e outras expresións das violencias de xénero), dereitos económicos e dereitos sexuais e reprodutivos. Por outra banda, o proxecto impulsará a creación de espazos de reflexión e acción para a formación, o intercambio de coñecementos e a articulación de redes e alianzas que impulsen a capacidade de mobilización social e política de actores clave vinculados no noso territorio á defensa dos dereitos das mulleres.
Para acadar os resultados previstos, unha das actividades propostas consiste no deseño e organización dun encontro internacional de carácter formativo e de intercambio de experiencias sobre os dereitos humanos das mulleres do norte e do sur arredor dos eixos temáticos anteriormente descritos. A raíz desta actividade, constituirase un grupo de traballo para afondar nesta temática que se verá enriquecido a través das sinerxías e do traballo en rede. Os coñecementos adquiridos neste evento enriquecerán a organización de obradoiros temáticos e campañas de sensibilización arredor dos eixos sobre os que se constrúe o presente proxecto.
A creación de sinerxías estratéxicas permitiranos ser máis eficaces no fortalecemento de capacidades para a defensa dos dereitos humanos das mulleres no noso contexto galego, axudándonos a tecer redes con outras organizacións do estado e dos países do Sur que están a traballar na consolidación de dinámicas semellantes. Todo isto será a chave a través da cal se contribúa a favorecer procesos de empoderamento das mulleres focalizados cara un desenvolvemento humano, sostible e verdadeiramente democrático.
Obxectivo Xeral: Favorecer o coñecemento e o fortalecemento de capacidades de distintos actores da sociedade galega para a promoción e defensa dos dereitos humanos das mulleres desde un enfoque de xénero e dereitos.
Obxectivo Específico: Favorecer a xeración de espazos e ferramentas para a formación, sensibilización e articulación de redes e capacidades para a mobilización social arredor da defensa dos dereitos humanos das mulleres no norte e no sur focalizando en feminicidio, dereitos económicos e dereitos sexuais e reprodutivos.
Resultado 1.1.: Fortalecidos os coñecementos sobre os dereitos humanos das mulleres entre actores sociais clave pola súa especialización e potencialidade de multiplicación (organizacións de mulleres, feministas, ONGD, educadores, medios comunicación).
Actividades:
A.1.1.1.: Deseño metodolóxico, organización e difusión do Encontro internacional sobre estratexias para a defensa dos dereitos humanos das mulleres, espazos de intercambio norte sur.
A.1.1.2.: Realización Encontro sobre Dereitos Humanos das mulleres.
Resultado 1.2.: Fortalecida a capacidade de articulación e mobilización de actores clave en Galicia para promover e defender os dereitos humanos das mulleres do norte e do sur en relación a tres eixos: dereito a unha vida libre de violencia (feminicidios); dereitos económicos; e dereitos sexuais e reprodutivos.
Actividades:
A.1.2.1.: Deseño metodolóxico e organización de tres obradoiros de traballo temáticos destinados a afondar na formación sobre cada tema, e a establecer unha estratexia de traballo en rede para a incidencia social e política sobre os eixos definidos.
A.1.2.2.: Realización dos tres obradoiros de traballo temáticos. Posiblemente terán lugar en Santiago de Compostela, e cunha duración dunha xornada. Contaremos con persoas especialistas en cada tema, ademais das organizacións convocadas, que axuden a situar teoricamente cada un deles.
Resultado 1.3.: Favorecida a sensibilización da sociedade galega sobre dereitos humanos das mulleres a través dunha Campaña de sensibilización deseñada con diversas metodoloxías, ferramentas e actividades segundo o tipo de público obxectivo.
Actividades:
A.1.3.1.: Creación de espazos online de traballo, sensibilización e incidencia para canalizar a Campaña polos dereitos humanos das mulleres.
A.1.3.2.: Elaboración e edición de materiais de sensibilización e difusión dos mesmos. Se elaborarán 500 exemplares dun material divulgativo e de sensibilización sobre dereitos humanos das mulleres (arredor dos tres eixos identificados).
A.1.3.3.: Deseñar, organizar e realizar catro actividades de sensibilización en concellos galegos de menos de 50.000 habitantes dirixida á cidadanía sobre dereitos humanos das mulleres.
A.1.3.4.: Deseñar, organizar e realizar catro actividades de sensibilización en espazos universitarios con docentes e alumnado de estudos clave pola súa ligazón coa temática e capacidade de multiplicación tales como: educación social, socioloxía, comunicación, estudos de posgrao de Cooperación ao Desenvolvemento.
Directa: 80 persoas participarán no Encontro e nos obradoiros temáticos, 100 estudantes e docentes universitarios, 1.000 persoas serán sensibilizadas a través dos materiais xerados e das ferramentas online.
Indirecta: As persoas que son beneficiarias directas do proxecto son chave para xerar un efecto multiplicador no seu entorno máis próximo.
24.250,00 (2012: 8.487,50; 2013 15.762,50)