Proxectos

Fortalecemento da investigación e formación académica en Cabo Verde para favorecer un desenvolvemento mariño sostible

A investigación e a formación académica aplicada favorecen a definición e o impulso de estratexias sostibles para o desenvolvemento sectorial. Cabo Verde conta con institucións académicas e de investigación que recollen o sector mariño como prioritario e que se atopan en diferentes fases do proceso de definición e aplicación de estratexias específicas dirixidas a contribuír ao desenvolvemento sostible do sector.

O Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas (INDP) e a Universidade de Cabo Verde, a través de, entre outros, o seu Departamento de Ciencias do Mar, teñen definidas liñas de investigación concretas e programas de formación. Con todo, non contan con profesionais doutorados suficientes que lle outorguen un nivel de calidade superior á investigación e á formación. Este proxecto pretende contribuír ao desenvolvemento sostible do sector mariño e das persoas que dependen da súa explotación, a través do reforzo da investigación e da formación.

As actividades baséanse na transferencia de coñecementos desde o Campus do Mar, co fin de fortalecer ás institucións beneficiarias. Preténdese deseñar e por en marcha un programa de doutoramento relacionado co sector do mar, concretamente, estableceranse unha serie de resultados enfocados cara á formación de doutores que poñan en marcha liñas de investigación e formación, a creación dun programa de doutoramento en Cabo Verde, o reforzo das capacidades do persoal docente e investigador, e o fortalecemento tanto dos plans de docencia universitaria relacionados co ámbito costeiro e mariño, como das liñas de investigación concretas e aplicadas nestas mesmas áreas.

O Campus do Mar, Campus de Excelencia Internacional, apoiará ao Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas e á Universidade de Cabo Verde na consecución dos resultados anteriores.

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Proxectos no exterior outros axentes
Rexión: 
África
País: 
CABO VERDE
Zona de actuación: 
Santiago
Axentes: 
UNIVERSIDADE DE VIGO
CAMPUS DO MAR
Contraparte: 

Universidade de Cabo Verde

Código CRS: 
11420 - Educación universitaria
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Contribuír ao desenvolvemento social, económico e ambiental do sector mariño costeiro de Cabo Verde.
Obxectivo Específico: Fortalecer as institucións de investigación e académicas en Cabo Verde.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: Iniciado o programa de formación de polo menos catro doutorandos.
Actividades:
A.1.1.1.: Identificación de catro doutorandos.
A.1.1.2.: Incorporación dos catro doutorandos identificados ao programa de doutoramento.
Resultado 1.2. Establecidas as bases para a creación dun programa de doutoramento en Cabo Verde.
Actividades:
A.1.2.1.: Elaboración das bases dun programa de doutoramento para Cabo Verde.
A.1.2.2.: Aprobación das bases dun programa de Doutoramento.
Resultado 1.3.: Reforzadas as capacidades do persoal docente e investigador.
Actividades:
A.1.3.1.: Elaboración do Programa de formación dun curso especifico.
A.1.3.2.: Identificación de participantes no curso.
A.1.3.3.: Realización dun curso de capacitación especifico en xestión de recursos pesqueiros.
A.1.3.4.: Participación e asistencia de docentes e investigadores en eventos internacionais a través da web.
Resultado 1.4.: Fortalecidos os plans de docencia universitaria relacionados co ámbito costeiro e mariño.
Actividades:
A.1.4.1.: Selección e creación de catro plans de docencia universitaria relacionados co ámbito costeiro e mariño.
A.1.4.2.: Reforzo e elaboración dos plans de docencia universitaria relacionados co ámbito costeiro e mariño.
Resultado 1.5.: Fortalecida a definición e impulso de liñas de investigación no ámbito mariño e costeiro.
Actividades:
A.1.5.1.: Definición de liñas de investigación necesarias para o desenvolvemento mariño en Cabo Verde.
A.1.5.2.: Creación de grupos internacionais de investigación para o desenvolvemento das liñas de investigación.

Poboación beneficiaria: 

Directa: Docentes e persoal investigador da Universidade e do Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas de Cabo Verde que participarán de xeito directo nas actividades previstas. Este Instituto conta cun equipo formado por 100 persoas. Tamén se beneficiará o alumnado do ámbito das Ciencias do Mar da Universidade de Cabo Verde e INDP.
Indirecta: Poboación dependente do uso dos recursos do mar e continentais de Cabo Verde. Esta poboación será beneficiada pola repercusión que terá a aplicación e definición de políticas e accións nas que interviñeron profesionais, docentes e investigadores. En Cabo Verde en 2011, había 73 comunidades de pescadores, 3084 pescadores artesanais, 840 pescadores semi-industriais, industriais e 985 vendedoras de peixe.

Axudas: 

171.700,00 (2012: 51.510,00; 2013: 120.190,00)