Entrega da XI edición do Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento “Vicente Ferrer”

- O IESP Pedra da Aguia, de Camariñas (A Coruña), foi un dos quince centros educativos galardoados.
No día de onte tivo lugar en Madrid o acto de entrega de diplomas da XI edición do Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento “Vicente Ferrer”, convocado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), en colaboración co Ministerio de Educación e Formación Profesional.
Nesta edición un dos centros galardoados foi o IESP Pedra da Aguia, de Camariñas (A Coruña), polo proxecto O cambio empeza no IESP Pedra da Aguia. Súmaste?
Este premio constitúe un recoñecemento ao traballo realizado polo alumnado e o equipo docente do IESP Pedra da Aguia, no marco do Plan Proxecta e do proxecto “Cooperación galega: O mundo que queremos”.
O acto de entrega, presidido pola ministra de Educación e Formación Profesional en funcións, María Isabel Celaá, foi inaugurado pola directora da AECID, Aina Calvo. En representación da Xunta de Galicia asistiron ao acto o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero.
O Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento "Vicente Ferrer" ten por obxecto premiar experiencias educativas, proxectos ou propostas pedagóxicas destinadas a sensibilizar, concienciar, desenvolver o espírito crítico e fomentar a participación activa do alumnado na consecución dunha cidadanía global, solidaria, comprometida coa erradicación da pobreza e as súas causas e o desenvolvemento humano e sustentable.