Publicación da Orde de convocatoria de axudas a microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con 90.000 euros, dirixida a ONGD e aos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
- Financiaranse gastos relacionados con infraestruturas, materiais e de persoal para poñer en marcha a intervención
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2023.- A Xunta abre a convocatoria de axudas a microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior cunha dotación de 90.000 euros, segundo se recolle no Diario Oficial de Galicia de hoxe. A iniciativa está dirixida ás ONGD inscritas na sección A do Rexistro galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e a outras entidades inscritas como axentes de cooperación para o desenvolvemento, inscritos na Sección D, é dicir, aqueles axentes sociais e entidades que teñen entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
Segundo a orde publicada, enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio. A Xunta financiará ata o 95% do orzamento total de cada iniciativa ata un máximo de 30.000 euros. O período de execución é dun ano, desde o pasado xaneiro ata o 31 de decembro de 2023.
Entre os gastos subvencionables figuran tanto os directos imprescindibles para poñer en marcha e a execución da intervención tales como os custos de aluguer, construción ou reforma de inmobles e infraestruturas necesarios para levar a cabo a iniciativa; equipos informáticos e outro material e equipamento vinculado á actividade; gastos de persoal; servizos técnicos e profesionais; viaxes e aloxamentos; ademais de gastos financeiros, de asesoría xurídica e rexistrais e periciais. Tamén se inclúen os gastos correntes de funcionamento no país onde se execute o microproxecto.
As ONGD e axentes de cooperación inscritos na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e interesados na medida deberán presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) cos documentos de formulación que constan nesta páxina web https://cooperacion.xunta.gal/gl/convocatorias/microproxectos-2023 no prazo dun mes contado dende mañá e con data límite ás 23,59 do mércores 26 de xullo de 2023.
Cómpre lembrar que a Xunta conta con outra liña de axudas anual para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos por axentes de cooperación.