Novas de Cooperación Galega
27/06/2023
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, regulada pola Orde do 24 de marzo de 2023 (DOG núm. 68, do 10 de abril)

No DOG núm. 68, do 10 de abril de 2023, foi publicada a Orde do 24 de marzo de 2023 da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR811A).

O obxecto da convocatoria é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2023.

No marco desta convocatoria, que se vén publicando dende o ano 2010, enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais-, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

Ao abeiro desta convocatoria fináncianse proxectos anuais con período de execución do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2023. A dotación orzamentaria é de 550.000 euros e o monto da subvención por proxecto é de 75.000,00 euros. 

No marco dela, presentáronse un total de 11 solicitudes. Unha vez avaliadas tecnicamente todas as solicitudes, un total de 10 proxectos obteñen a puntuación suficiente para seren aprobados, pero debido á limitación da dotación financeira da convocatoria so poderá aprobarse o financiamento de 8 deles, a executar por: UNRWA España, Asamblea de Cooperación pola Paz, Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación CUME, Tierra de Hombres,  Movimiento por la Paz y el Desarme e UNICEF.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución desta convocatoria para a execución de proxectos de acción humanitaria correspondente ao ano 2023.