A Xunta activa os convenios con Farmamundi para mellorar a atención sanitaria da poboación desprazada en Uganda e na República Democrática do Congo
- En Uganda entregaranse medicamentos e material médico, así como artigos de hixiene persoal e mosquiteiros, e no Congo darase apoio nutricional e sanitario
- O Goberno galego achega 17.000 euros coa previsión de cubrir durante catro meses as necesidades de case 2.700 persoas en ambos os dous países
- A intervención enmárcase nos convenios anuais de resposta ante emerxencias con Farmamundi, que desde 2009 supuxo a mobilización de máis de 1 M€
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2024.- A Xunta vén de activar os convenios con Farmamundi para a posta en marcha de intervencións de emerxencia en Uganda e na República Democrática do Congo. O Goberno galego destina un orzamento global de 17.000 euros a ambas as dúas iniciativas para cubrir as necesidades de case 2.700 persoas durante catro meses, a meirande parte delas mulleres e menores.
No caso de Uganda, a actuación céntrase no asentamento de Adjumani, onde se achegan 8.000 euros para a entrega de medicamentos e material médico adaptado ás necesidades da poboación, así como artigos de hixiene persoal e mosquiteiros. O obxectivo é cubrir durante catro meses as necesidades de máis de 1.700 persoas.
Así, 1.500 persoas refuxiadas recibirán tratamentos médicos nas unidades de saúde fortalecidas polo proxecto. Ademais, 75 unidades de convivencia con 225 mulleres obterán kits hixiénicos e redes de mosquiteiros. Búscase reducir a mortalidade materno-infantil e reforzar a atención clínica ás mulleres vítimas da violencia sexual e baseada no xénero.
Por outra banda, na intervención de emerxencia destinada a reforzar o sistema sanitario que atende a poboación desprazada internamente na provincia Kivu norte, na República Democrática do Congo, Investiranse preto de 9.000 euros co obxectivo de atender durante catro meses un milleiro de persoas.
No marco deste convenio distribuiranse 222 kits nutricionais a 962 persoas desprazadas internas e prestaráselle atención sanitaria de urxencia a polo menos 740 persoas en situación de vulnerabilidade. Debido ás limitacións de acceso pola inseguridade na zona, Farmamundi e o seu socio local na zona, Programme de Promotion des Soins de Santé Primaires (PPSSP), comezarán cunha análise da situación para dirixir correctamente a asistencia e evitar duplicidades e solapamentos con outros axentes humanitarios.
Atención ás poboacións máis vulnerables
Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 1 millón de euros, incluíndo a contía do convenio deste ano no que se enmarcan estas actuacións en Uganda e na República Democrática do Congo.
O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).