Publicación da Orde pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas Organizacións non Gobernamentais de Desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR804C)
- No DOG núm. 17, do 27 de xaneiro do 2025, publícase a Orde do 8 de xaneiro do 2025 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas Organizacións non Gobernamentais de Desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR804C)
Esta convocatoria enmárcase no cumprimento do vixente V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026, que no seu apartado de modalidades e instrumentos de axuda propón a recuperación da convocatoria de programas no exterior, e na súa liña de acción 2.3 incrementar os fondos dirixidos a actuacións con marcos de planificación plurianuais, que establece que durante a vixencia deste Plan promoveranse os programas no exterior, co fin de mellorar o alcance e impacto das actuacións financiadas. Igualmente, o Plan anual 2025 da Cooperación Galega recolle a convocatoria destas axudas.
O obxecto desta convocatoria é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento para a execución de programas no exterior, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades. Os programas son unha ferramenta de longo percorrido que contribúen á consolidación de procesos de desenvolvemento a medio prazo. Están encamiñados a apoiar procesos de transformación integrais nos países en vías de desenvolvemento, contribuíndo dun xeito efectivo á loita contra a pobreza mediante a promoción dun desenvolvemento socioeconómico e cultural sostible.
Os programas terán unha duración mínima de 25 meses e máxima de 36 meses, e poderán financiar actuacións dende o 1 de xaneiro de 2025 ao 31 de decembro de 2027. A dotación da convocatoria é dun millón oitocentos mil euros (1.800.000 euros) 540.000 euros no ano 2025, 630.000 euros no ano 2026 e 630.000 euros no ano 2027.
Os proxectos que poderán optar a estas subvencións serán aqueles executados no exterior polas ONGD que estean inscritas na sección A, Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de cooperación para o desenvolvemento no exterior e que demostren contrastada experiencia neste sector. No caso das entidades agrupadas, estas deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación en calquera dos seus apartados, agás aquelas entidades que, estean excluídas da dita obriga.
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación remata o 27 de febreiro de 2025.