Novas de Cooperación Galega
24/02/2025
Xeral

A Xunta aproba o Plan anual 2025 da cooperación galega para o desenvolvemento ao que destina 9,8M€

  •  O Consello aprobou o Plan anual 2025 da cooperación galega para o desenvolvemento, enmarcado no V Plan director da cooperación galega 2023-2026 
  •  O texto prevé novas convocatorias de axudas para proxectos, así como darlles continuidade aos compromisos adquiridos o ano pasado
  •  A cooperación para o desenvolvemento e a acción humanitaria no exterior, educación para o desenvolvemento e a investigación centran as diversas liñas de actuación

 

O Consello da Xunta deulle hoxe o visto e prace ao proxecto de acordo polo que se aproba o Plan anual 2025 da cooperación galega para o desenvolvemento, dotado con 9,8 millóns de euros, un 10 % máis que o ano pasado, e que xa foi obxecto de informe favorable por parte Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode) na xuntanza do pasado día 11. A través deste instrumento, o Goberno galego establece a programación operativa da cooperación galega en función das prioridades xeográficas e sectoriais e dos resultados previstos no V Plan director da cooperación galega 2023-2026.

Así, prevense novas convocatorias de axudas que son xa sinais de identidade da cooperación galega. Trátase, por exemplo, das subvencións plurianuais para proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación, cunha dotación de 6 millóns de euros para o período 2025-2026, dos que 2,1 millóns se reservan para este 2025. Ademais, as subvencións plurianuais para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, contarán con 720.000 euros na nova orde, dos cales 288.000 euros corresponden a este 2025. 

Tamén será bianual como as anteriores a orde de axudas para proxectos e creación de grupos de investigación para o desenvolvemento promovidos polas universidades e centros de investigación galegos, cun montante de 200.000 euros, con 100.000 euros destinados para 2025 e a mesma contía para 2026. 

Por outra parte, publicarase a convocatoria anual de subvencións para proxectos anuais de acción humanitaria, cunha dotación de 550.000 euros, así como a orde de axudas para microproxectos de cooperación no exterior, que estará dotada con 150.000 euros, é dicir, un 66,6 % máis que a publicada no 2024.

Como novidade, prevese publicar unha a nova convocatoria plurianual  a tres anos de axudas a programas de cooperación no exterior dirixidas a ONGD, que contará cunha dotación de 1,8 millóns de euros, dos cales 540.000 euros se reservan para este exercicio.  

No que se refire á formación, publicaranse seis novas bolsas para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento ás cales se destinarán 32.200 euros neste exercicio, no marco dun orzamento global de 104.600 euros ata 2026, ademais do pagamentos correspondentes á Seguridade Social. 

Neste 2025 manterase a liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria. Nesta liña, está prevista a sinatura de convenios coas ONGD Farmamundi (50.000 euros) e a Asociación Solidariedade Galega con Pobo Saharauí (Sogaps) (100.000 euros), así como cos comités españois das axencias das Nacións Unidas, ACNUR, UNRWA e Unicef entre outras organizacións (150.000 euros en total), e prevese recibir fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero para financiar proxectos de acción humanitaria.

No ámbito da educación para o desenvolvemento e do fortalecemento do sistema galego de cooperación, o plan recolle a sinatura de convenios con organizacións como a Coordinadora Galega de ONGD (110.000 euros); o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (60.000 euros); ou as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz, para dar continuidade ao programa que se enmarca no Plan Proxecta: activistas polo mundo que queremos, cunha dotación prevista de 70.000 euros (30.000 euros en 2025 e 40.000 en 2026).

Por outra banda, apoiarase un ano máis o fortalecemento de capacidades técnicas na xestión dos recursos hídricos en Mozambique, a través dun acordo con Augas de Galicia e a Asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, con case 332.600 euros, dos cales 125.000 euros serán achegados neste ano, e seguirase realizando cooperación técnica en materia de pesca e acuicultura coa Fundación Cetmar. 

Compromisos de 2024

Ademais destas novas accións, daráselles cobertura aos compromisos adquiridos en 2024, como os 31 proxectos no exterior dos axentes de cooperación, 17 proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional. A eles engádenselles os convenios con distintas entidades para a mellora de recursos hídricos e da seguridade alimentaria en Mozambique; para o desenvolvemento do proxecto Activistas polo mundo que queremos, enmarcado no Plan Proxecta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; para a consolidación do I Plan estratéxico da Rede galega de cooperación universitaria ao desenvolvemento 2020-2030 no marco da colaboración coas tres universidades galegas; e para a colaboración con AECID e a cooperación descentralizada co obxectivo de actuar de maneira conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria. 

A través das medidas incluídas no Plan anual da cooperación galega para o desenvolvemento, o Goberno galego avanza nos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) co fin de erradicar a pobreza, reducir as desigualdades, promover os dereitos humanos e as liberdades fundamentais ou loitar contra o cambio climático, tal e como establece V Plan director da cooperación galega 2023-2026, que tamén aliña o seu marco estratéxico coa Axenda 2030 e os seus ODS.