O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE visita os proxectos financiados pola cooperación galega en Honduras

-
Trátase das actuacións desenvolvidas no país a través de entidades como Enxeñería Sen Fronteiras, Amigas da Terra, Solidariedade Internacional de Galicia, SOLIDA ou Solidariedade Galega
-
Honduras é un país prioritario para a Cooperación Galega, e dende 2006 a Xunta leva investidos máis de 9,3 millóns de euros a través dos cinco Plans Directores da Cooperación Galega
Choluteca (Honduras), 26 de marzo de 2025.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, está a coñecer en Honduras os proxectos financiados pola Xunta neste país a través dos fondos de cooperación para o desenvolvemento, e que están a ser executados por entidades como Enxeñería Sen Fronteiras, Amigas da Terra, Solidariedade Internacional de Galicia, SOLIDA ou Solidariedade Galega. Durante a viaxe, o director xeral reunirase coas organizacións que lideran as accións e coas autoridades locais que os apoian, así como coas persoas beneficiarias dos mesmos.
O percorrido iniciouse no departamento de Valle, en Puerto Coyolito, onde a delegación galega mantivo un encontro con autoridades locais e persoal de Enxeñería Sen Fronteiras (ESF) e o seu socio local, o Comité para a Defensa e o Desenvolvemento da Flora e Fauna do Golfo de Fonseca CODEFAGOLF.
Posteriormente, na illa do Tigre, en Amapala, un dos lugares onde se está a implantar a segunda fase dun proxecto sobre a mellora da sustentabilidade da actividade marisqueira que se está desenvolvendo en varios municipios do Golfo de Fonseca e no que tamén participa o Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da UDC (Cartolab), os representantes das organizacións e as mulleres mariscadoras explicaron como se está a implantar o proxecto e como se están fortalecendo as súas capacidades operativas na produción marisqueira baixo un enfoque de xestión responsable dos recursos.
Na xornada de hoxe o director xeral achegouse a Choluteca para coñecer o traballo que están a desenvolver a ONGD Amigas da Terra co seu socio local, Asociación de Mulleres Defensoras da Vida. O proxecto céntrase no empoderamento das mulleres rurais para o exercicio dos seus dereitos, cunha participación social e política e unha vida libre de violencias, ademais da melloría da súa soberanía alimentaria e o seu acceso a recursos económicos. A delegación galega tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os resultados acadados e previstos coa execución do proxecto a través de encontros con varios grupos de mulleres campesiñas e emprendedoras do sur de Choluteca.
Honduras é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega polo seu vínculo histórico e pola tradicional presenza e traballo levado a cabo por axentes galegos de cooperación neste Estado.
O seu carácter prioritario aparece recollido nos Plans Directores que rexen a política pública de cooperación para o desenvolvemento da Xunta dende o 2006 ata este momento, o que explica o volume de axuda canalizada ao país neste período. Tanto é así que o importe destinado a este Estado acadou máis de 9,3 millóns de euros.