A Xunta de Galicia organiza unha xornada de visibilización da Cooperación Galega
- O vindeiro venres, día 17 de outubro, a Cidade da Cultura acolle unha xornada na que participarán responsables políticos, ONGD e testemuñas de Bolivia, Guatemala, El Salvador, Honduras, Mozambique e República Dominicana
- A xornada organízase coa colaboración da Coordinadora Galega de ONGD.
A Cooperación Galega celebra o vindeiro 17 de outubro máis de tres décadas de traballo a favor dos dereitos das persoas máis vulnerables, cun encontro multitudinario no que participará o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo Pouso; responsables da Coordinadora Galega de ONGD e testemuñas que falarán en primeira persoa do impacto que está a ter este traballo nas vidas das persoas de países como Bolivia, Guatemala, El Salvador, Honduras, Mozambique e República Dominicana, entre outros.
A xornada leva por título Cooperación Galega: Unha carreira de fondo e, en palabras da presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz, quere “dar voz aos diferentes axentes que ao longo destes trinta anos de traballo foron sumando toda a súa vontade e a súa experiencia para facer da cooperación internacional un instrumento de xustiza social na que todas e todos temos cabida”.
A cita comeza ás 10h, coa benvida do conselleiro da Presidencia Diego Calvo Pouso e máximo responsable da Cooperación Galega. De seguido, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller; e a presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz Gutiérrez, porán en contexto este evento e ofrecerán algúns datos sobre a evolución da Cooperación Galega e do terceiro sector galego na defensa dos dereitos humanos e das persoas máis vulnerables.
Ás 10.40h chegará un dos pratos fortes da xornada, cando a xefa de recursos hídricos da administración rexional de augas do sur de Mozambique, Lizete Dias; a antropóloga coordinadora da unidade de educación da fundación IRFA de Bolivia, Pamela Violeta Sánchez Pereira; o director da fundación Solidaridad de República Dominicana, Juan Castillo; e o director executivo do comité para la defensa e desenvolvemento da flora e da fauna do Golfo de Fonseca de Honduras, Roger Armando Reyes, conversarán sobre os procesos de transformación favorecidos pola Cooperación Galega nos seus países.
Ás 11.10h será a quenda das defensoras de dereitos humanos acollidas polo programa de protección temporal Galicia Abriga: Ana Donis, asesora xurídica de Mulleres Transformando el Mundo, de Guatemala; Milagro Alvarado, fundadora de La Colectiva Feminista para el Desarrollo Local de El Salvador; e Juventina López, lideresa comunitaria de ASIAPRODI, de Guatemala.
A xornada tamén reserva un espazo para que profesionais doutros ámbitos, como a educación, a enxeñería, a enfermería ou o xornalismo, falen das súas experiencias colaborando con proxectos da cooperación ao desenvolvemento. Serán Bruno Ramos Sánchez, gañador do premio de Educación para a Cidadanía Global no ano 2024; Sandra Lorenzo Casado, alumna en Prácticas de Coñecemento da Realidade de Enxeñería Sen Fronteiras; Alia del Río Riobo, enfermeira e matrona voluntaria de Solidariedade Internacional de Galicia, Sólida e Solidariedade Galega; e Javier Ramos Cernadas, xornalista voluntario de Agareso.
Pechará a quenda da mañá a proxección dun audiovisual sobre procesos de cooperación en Mozambique, Honduras, Guatemala, El Salvador e República Dominicana.
Ás 13h30, as persoas participantes poderán afondar no debate en tres mesas sectoriais que reflexionarán sobre a vulneración de dereitos humanos y o peche dos espazos cívicos; sobre conflito, axuda humanitaria e refuxio; e sobre feminismos e traballo en rede.
O acto será conducido pola xornalista da TVG Raquel Domínguez Carrete.