Publicación da Orde pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e se procede a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR804A)
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, cun importe de 720.000 euros. A subvención terá unha dotación distribuída entre os 288.000 € para o 2026 -o 40% do total- e os 432.000 € previstos para o próximo ano 2027.
Pódense financiar actividades que forman parte da educación para o desenvolvemento desde catro perspectivas: a sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; a formación sobre o desenvolvemento e a súa difusión nos ámbitos educativos; a investigación neste ámbito; así como a incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na sociedade.
É necesario que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, e que o seu contido estea claramente relacionado con este área, non sendo financiables nesta convocatoria os proxectos sen esta dimensión, a cal deberá estar claramente expresada na formulación do proxecto e no seu título.
As entidades beneficiarias deberán ser organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento ou as universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e as súas entidades dependentes ou centros de investigación públicos e poderán tamén presentarse en agrupación con outra entidade, sempre que estea inscrita en dito rexistro en calquera dos seus apartados.
As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades. Non obstante, no caso de obter unha subvención para a execución dun programa pola liña educación transformadora ao abeiro da convocatoria para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social para o ano 2026 (código de procedemento PR803E), a entidade unicamente poderá obter un proxecto por medio desta convocatoria.
O importe máximo para proxectos individuais executado nunha anualidade será de 26.000 euros e de 37.000 euros se se trata de iniciativas individuais plurianuais. No caso de proxectos plurianuais presentados por varias entidades en agrupación a contía da axuda poderá acadar os 47.000 euros, se son proxectos plurianuais, e de 36.000 euros, se son anuais.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal/) no prazo dun mes desde mañá.
O prazo de presentación das solicitudes rematará o vindeiro luns 28 de agosto de 2026 ás 23:59h.