Proxectos

Fortalecemento comunitario e resiliencia fronte ás emerxencias nos campamentos saharauís mediante a Protección Civil

A intervención desenvólvese nos campamentos de poboación refuxiada saharauí situados na hammada alxerina, próximos a Tinduf, onde máis de 170.000 persoas viven nunha situación prolongada de vulnerabilidade social, ambiental e climática (ver anexo de mapa e características dos campamentos). A precariedade das infraestruturas, a exposición recorrente a fenómenos meteorolóxicos extremos e as limitadas capacidades locais de prevención e resposta incrementan os riscos asociados a incendios, accidentes e inundacións, afectando directamente á seguridade e ás condicións de vida da poboación refuxiada.

O proxecto pretende consolidar progresivamente o sistema saharauí de Protección Civil impulsado xunto ao Ministerio do Interior da RASD, mediante accións de formación técnica especializada, mellora de infraestruturas, dotación de equipamento, acompañamento operativo e fortalecemento organizativo. A intervención contribuirá á consolidación dun servizo público comunitario esencial para a prevención e resposta fronte a emerxencias nos campamentos.

As actuacións desenvolveranse principalmente nas wilayas de Rabuni, Auserd e Smara, reforzando a capacidade operativa e territorial da Protección Civil Saharauí e favorecendo unha resposta máis coordinada, estable e sostible fronte ás emerxencias e riscos cotiáns. Esta fase intégrase nun proceso plurianual orientado á implantación progresiva dun parque operativo de Protección Civil en cada unha das cinco wilayas saharauís.

O proxecto incorpora ademais unha dimensión de participación comunitaria e fortalecemento xuvenil, promovendo oportunidades de capacitación e implicación social para persoas mozas saharauís nun contexto marcado pola escaseza de oportunidades laborais e formativas. Así mesmo, as accións preventivas e de sensibilización previstas contribuirán a reforzar coñecementos comunitarios en autoprotección, primeiros auxilios e redución de riscos en espazos educativos e comunitarios.

A proposta intégrase nun proceso de cooperación continuada baseado na apropiación local, a transferencia progresiva de capacidades e o reforzo das estruturas saharauís existentes, incorporando transversalmente enfoques de dereitos humanos, igualdade de xénero, sustentabilidade ambiental e resiliencia comunitaria.

Ano: 
2026
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Microproxectos
Rexión: 
Sahel-África
País: 
ALXERIA
Zona de actuación: 
Campamentos de refuxiados saharauis
Axentes: 
AIRE- ASOCIACIÓN INTEGRAL RESCATE EN EMERXENCIAS
Contraparte: 

Ministerio do Interior da República Árabe Saharauí Democrática

Código CRS: 
74010 - Prevención de desastres
Obxectivos: 

Xeral: Contribuír ao fortalecemento da resiliencia comunitaria e da protección da poboación refuxiada saharauí nos campamentos de Tinduf mediante a consolidación progresiva dun sistema saharauí de Protección Civil capaz de previr, preparar e responder de maneira coordinada e sostible fronte a emerxencias, riscos climáticos e situacións de vulnerabilidade comunitaria.

Específico: Fortalecer e consolidar o sistema saharauí de Protección Civil, impulsado polo Ministerio do Interior da RASD, mediante o reforzo das súas capacidades operativas, técnicas, institucionais e comunitarias para a prevención, preparación e resposta temperá ante emerxencias multirrisco nos campamentos de poboación refuxiada saharauí.

Resultados e actividades: 

RE 1.1. Fortalecida a capacidade operativa e de resposta territorial da Protección Civil Saharauí mediante o mantemento de infraestruturas, equipamentos e recursos técnicos dos parques de Rabuni, Auserd e Smara.

A.1.1.1. Selección e continuidade do persoal operativo da Protección Civil.

A.1.1.2. Mantemento e mellora de infraestruturas e equipamentos operativos.

A.1.1.3. Apoio á coordinación operativa e capacidade de resposta.

RE 2.1. Reforzadas as capacidades técnicas e profesionais do persoal saharauí de Protección Civil mediante procesos de formación continua e acompañamento operativo.

A.2.1.1. Desenvolvemento de formacións técnicas especializadas.

A.2.1.2. Simulacros e acompañamento operativo.

RE 3.1. Fortalecidas as capacidades comunitarias de prevención e redución de riscos ante emerxencias mediante accións de sensibilización e formación comunitaria.

A.3.1.1. Campañas comunitarias de sensibilización e prevención.

A.3.1.2. Actividades formativas en escolas e espazos comunitarios.

A.3.1.3. Deseño e difusión de materiais informativos.

RE 4.1. Reforzados os mecanismos de coordinación, planificación e seguimento do sistema saharauí de Protección Civil.

A.4.1.1. Espazos de coordinación e planificación conxunta.

A.4.1.2. Seguimento técnico e ferramentas de planificación operativa.

A.4.1.3. Sistematización e difusión de resultados e aprendizaxes.

Poboación beneficiaria: 

Directa: 103.000 persoas (32.500 homes, 31.360 mulleres, 19.790 nenos e 19.350 nenas)

Indirecta: 73.600 persoas (23.220 homes, 22.410 mulleres, 14.140 nenos e 13.830 nenas)

Axudas: 

Xunta de Galicia: 30.000,00 €