ENREDA: Educación transformadora para a ecocidadanía global e a agroecoloxía escolar na rede de centros educativos rurais polo dereito humano á alimentación e o ODS 2 Fame Cero (2026-2028)
Este programa desenvolve un programa plurianual de educación transformadora (2026-2028) en educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, promovido por Mans Unidas (MU) en Galicia en agrupación co Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela (USC), polo dereito humano á alimentación no marco do ODS 2 "Fame Cero" na rede de centros educativos rurais polo dereito á alimentación e a agroecoloxía escolar (ENREDA).
O programa materializa as aprendizaxes acumuladas en catro fases de intervención previas (2022-2026) e a identificación e diagnóstico participativo realizado entre maio e xuño de 2026, apoiado nun DAFO con análise de necesidades diferenciadas por xénero, na revisión da árbore de problemas e obxectivos, e na selección de alternativas estratéxicas. Este proceso motivou tres decisións estratéxicas novas respecto das fases anteriores: consolidar a autonomía e autoxestión das hortas ecodidácticas polos centros educativos, impulsar a gobernanza participativa e a formalización da rede ENREDA, e incorporar un quinto resultado de incidencia institucional ante a Consellería de Educación, ausente nas fases precedentes e identificado como unha das principais debilidades na avaliación ex-ante da convocatoria PR804A do ano 2025.
O programa desenvolverase durante 25 meses, entre setembro de 2026 e setembro de 2028, abranguendo os cursos escolares 2026/27 e 2027/28, en seis centros rurais públicos de ensino infantil e primario localizados nos concellos de Padrón, A Baña, Brión, Teo, Outes e Santiago de Compostela, todos eles con compromiso formal de participación. Os centros sitúanse en parroquias rurais con renda dispoñible por debaixo ou próxima á media galega en catro dos seis casos, e con galego como lingua habitual maioritaria, o que reforza a pertinencia territorial e cultural da intervención. Cinco dos seis centros participan no programa desde fases anteriores; o sexto, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago de Compostela incorporouse en 2025 por mor do traslado dunha mestra desde o CPI da Baña e que xa coñecía o modelo das hortas ecodidácticas, exemplificando como o profesorado actúa como axente de réplica.
Xeral: Contribuír á construción dunha cidadanía global crítica e comprometida coa transformación social positiva, a solidariedade global e o desenvolvemento humano sostible, que actúa desde a agroecoloxía e a ecocidadanía global para a realización do dereito humano á alimentación e a consecución do ODS 2.
Específico: As comunidades educativas dos 6 centros rurais de ensino infantil e primario participantes teñen consolidadas as súas capacidades, coñecementos e compromisos en ecocidadanía global e agroecoloxía escolar para a defensa do dereito humano á alimentación e o logro do ODS 2, a través dun modelo educativo autónomo e transformador, documentado e replicado noutros contextos educativos ao remate do programa.
RE 1.1. O profesorado dos 6 centros rurais de ensino infantil e primario participantes ten consolidadas e exerce de forma autónoma as competencias para a xestión pedagóxica e produtiva das hortas ecodidácticas como ferramenta de aprendizaxe transformadora no marco do ODS 2, o dereito humano á alimentación, a agroecoloxía escolar e a ecocidadanía global.
A.1.1.1. Itinerario formativo para o profesorado para a autoxestión das hortas ecodidácticas: módulos de autonomía na xestión produtiva da horta, integración curricular, agroecoloxía escolar, ODS 2.
A.1.1.2. Acompañamento técnico individualizado por centro.
A.1.1.3. Elaboración conxunta co profesorado das programacións didácticas anuais e do proxecto educativo de centro que integre a horta como recurso transversal.
RE 2.1. O alumnado, o profesorado e as comunidades educativas dos 6 centros rurais de ensino infantil e primario participantes teñen adquiridos e aplican coñecementos, actitudes críticas e compromisos de acción en relación co ODS 2, o dereito humano á alimentación e os principios da agroecoloxía e a ecocidadanía global.
A.2.1.1. Desenvolvemento de obradoiros de sensibilización e formación na aula e na horta vinculados ao ODS 2, o dereito á alimentación e agroecoloxía, adaptados a cada nivel educativo.
A.2.1.2. Realización de actividades de aprendizaxe experiencial na horta: sementeira, cultivo, colleita e elaboración de alimentos, con reflexión crítica sobre o sistema alimentario global.
A.2.1.3. Organización de actividades de sensibilización dirixidas ás comunidades educativas e ás familias, ou de acción comunitaria (campaña de sensibilización, mercado ecolóxico, día de hortas abertas, festas da colleita, intercambio de sementes...).
RE 3.1. A rede ENREDA está consolidada cunha estrutura de gobernanza participativa, incorporando novos centros escolares, conectando comunidades educativas galegas e do Sur nunha rede activa de intercambio e construción colectiva de coñecemento para a ecocidadanía global e a consecución do ODS 2.
A.3.1.1. Elaboración e apropiación do regulamento da rede ENREDA polos 6 centros, definindo estrutura de goberno, mecanismos de adhesión e funcionamento autónomo.
A.3.1.2. Xestión e dinamización da web e redes sociais da rede ENREDA para a visibilización do programa e para o intercambio de recursos, experiencias e boas prácticas.
A.3.1.3. Organización de 3 encontros presenciais de intercambio de experiencias entre os centros da rede ENREDA por curso (un por trimestre), incluíndo o encontro anual intercentros.
A.3.1.4. Mantemento e ampliación dos vínculos de intercambio con centros educativos e redes de agroecoloxía escolar do Sur Global.
A.3.1.5. Proceso de identificación e contacto con centros potencialmente interesados en adherirse á rede ENREDA.
RE 4.1. O GI SEPA-Interea da USC, en colaboración con Mans Unidas e as comunidades educativas, ten xerado e transferido coñecemento sobre o impacto das hortas ecodidácticas como ferramenta pedagóxica de EDCG en espazos académicos e educativos, facilitando a replicabilidade do modelo da rede ENREDA.
A.4.1.1. Establecemento de liña de base e seguimento lonxitudinal sobre o impacto do modelo ENREDA.
A.4.1.2. Elaboración dunha guía metodolóxica para a replicabilidade do modelo ENREDA de hortas ecodidácticas.
A.4.1.3. Presentación dos resultados e da metodoloxía do programa en congresos ou xornadas especializadas.
A.4.1.4. Elaboración e publicación de artigos ou comunicacións sobre o modelo ENREDA.
A.4.1.5. Avaliación externa final participativa e de impacto do programa.
RE 5.1. Mans Unidas, en colaboración coa USC e a rede ENREDA, ten desenvolvido accións de incidencia dirixidas á Consellería de Educación co obxectivo de que o modelo ENREDA sexa recoñecido como referencia metodolóxica en educación para a ecocidadanía global no marco do ODS 2.
A.5.1.1. Elaboración dun documento de posicionamento e incidencia sobre o modelo ENREDA.
A.5.1.2. Contacto e reunión formal cos responsables da Consellería de Educación.
A.5.1.3. Difusión do documento de incidencia entre axentes educativos, ONGD, universidades e administracións públicas.
Directa: 830 persoas (17 homes, 53 mulleres, 360 nenos e 390 nenas)
Indirecta: 2.460 persoas (51 homes, 159 mulleres, 1.080 nenos e 1.170 nenas)
Xunta de Galicia: 90.000,00 € (22.500,00 € en 2026, 33.750,00 € en 2027 e 33.750,00 € en 2028)