Enredadas no Cambio: Educar para emprender a vida
Enredadas no Cambio: Educar para emprender a vida dá continuidade á liña de Educación para a Cidadanía Global (EpCG) que Taller de Solidaridad (TDS) impulsa en Galicia desde 2021 para promover unha cidadanía global crítica, corresponsable e comprometida coa igualdade de xénero, a sustentabilidade da vida e a xustiza global. A proposta nace da constatación de que os imaxinarios sobre o éxito, o liderado e o emprendemento condicionan as expectativas vitais da mocidade e continúan fortemente influídos por modelos individualistas, competitivos e androcéntricos, que invisibilizan outras formas de crear valor económico e social.
A proposta desenvólvese desde o feminismo emprendedor, entendido como un enfoque educativo e transformador desenvolvido por TDS que cuestiona os modelos hexemónicos de emprendemento centrados na competencia e no éxito individual para promover formas de emprendemento baseadas na igualdade, os coidados, a cooperación, a sustentabilidade da vida e a xustiza social. Desde esta perspectiva, emprender significa tamén crear valor colectivo, fortalecer comunidades e contribuír á transformación das desigualdades globais.
En coherencia cos Ámbitos Estratéxicos 3 e 7 do V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, o proxecto contribúe aos ODS 4, 5, 8, 10, 12 e 17 incorporando ao ámbito educativo referentes reais de mulleres emprendedoras da economía social e solidaria de Galicia e do Sur Global. A intervención pretende que alumnado e profesorado comprendan que o emprendemento non é unha realidade neutra nin universal, senón unha práctica condicionada por relacións de poder, desigualdades de xénero e dinámicas globais que poden ser transformadas desde modelos económicos máis xustos, inclusivos e sostibles.
O elemento diferencial da proposta consiste en converter experiencias reais de mulleres emprendedoras en recursos pedagóxicos estables, integrados no currículo educativo mediante Situacións de Aprendizaxe e procesos de Aprendizaxe-Servizo (ApS). Deste xeito, a cooperación internacional deixa de presentarse unicamente como un ámbito de solidariedade para converterse nunha fonte de coñecemento, referentes e aprendizaxes compartidas que enriquecen a práctica educativa en Galicia.
A intervención estrutúrase arredor dunha teoría do cambio progresiva (capacitar, aplicar, inspirar e transformar) na que cada colectivo desempeña un papel complementario. O profesorado fortalecerá as súas competencias mediante un curso en liña sobre EpCG, emprendemento feminista e metodoloxías activas, incorporando posteriormente estes contidos á práctica docente a través de dúas Situacións de Aprendizaxe curriculares e, de forma voluntaria, de proxectos de Aprendizaxe-Servizo acompañados por TDS. Paralelamente, o alumnado participará nun itinerario educativo de intensidade crecente que combina obradoiros, actividades curriculares, retos vinculados ao territorio e encontros con emprendedoras de Galicia e do Sur Global, favorecendo a análise crítica dos estereotipos de xénero e a ampliación dos seus referentes sobre o emprendemento.
Xeral: Contribuír á transformación do imaxinario colectivo sobre o emprendemento, promovendo unha cidadanía global crítica que recoñeza e valore modelos emprendedores feministas comprometidos coa igualdade, os coidados, a sustentabilidade da vida e a xustiza global (ODS 4, 5, 8, 10, 12 e 17).
Específico: Contribuír a que o profesorado e o alumnado de secundaria, bacharelato e FP galegos analicen criticamente e transformen o seu imaxinario sobre o emprendemento, o éxito e o liderado desde unha perspectiva de cidadanía global e feminismo emprendedor ao longo do curso 2026/2027.
RE 1.1. O profesorado de secundaria, bacharelato e FP de Galicia incorpora o enfoque do emprendemento feminista e da cidadanía global na súa práctica docente, aplicándoos nas súas aulas e chegando, no nivel máis avanzado do itinerario, ao deseño e liderado de proxectos de Aprendizaxe-Servizo co acompañamento de TDS.
A.1.1.1. Deseñar, validar e poñer á disposición do profesorado as Situacións de Aprendizaxe de Economía e Itinerario Persoal para a Empregabilidade II. Setembro 26.
A.1.1.2. Desenvolver o itinerario de sensibilización co alumnado mediante obradoiros e/ou Situacións de Aprendizaxe. Out. 2026–xuño 2027
A.1.1.3. Impartir o curso en liña «Educar para emprender a vida», combinando formación, intercambio de experiencias e recursos didácticos para a súa aplicación na aula. Outubro - decembro 26
A.1.1.4. Acompañar de forma personalizada os centros que opten polo itinerario de Aprendizaxe-Servizo (ApS) durante o deseño, implementación e avaliación dos proxectos. Xaneiro - xuño 2027
RE 2.1. O alumnado desenvolve pensamento crítico sobre os modelos de emprendemento, igualdade e xustiza global e participa en experiencias educativas que favorecen o exercicio da cidadanía activa.
A.2.1.1. Actualizar e elaborar os materiais didácticos do proxecto para o desenvolvemento dos obradoiros, do reto e do peche do itinerario. Set.–out. 2026 (obradoiros) e abr.–maio 2027 (kit de peche)
A.2.1.2. Desenvolver o itinerario de sensibilización co alumnado mediante obradoiros e/ou Situacións de Aprendizaxe. Out. 2026–xuño 2027
A.2.1.3. Impulsar o reto territorial «Referentes na miña comarca», favorecendo a identificación de referentes emprendedores do territorio. Xan.–xuño 2027.
RE 3.1. A comunidade educativa amplía e diversifica os seus referentes sobre o emprendemento mediante o intercambio horizontal con mulleres emprendedoras de Galicia e do Sur Global, favorecendo o recoñecemento mutuo e fortalecendo o papel destas como referentes e axentes de cambio.
A.3.1.1. Facilitar a participación de emprendedoras da economía social e solidaria como referentes educativos nos centros (previsión de ata 6, unha por centro). Outubro 2026- xuño 2027.
A.3.1.2. Promover o diálogo entre alumnado e emprendedoras do Sur Global a través de encontros educativos que visibilicen experiencias de emprendemento feminista. Outubro 2027
A.3.1.3. Organizar o encontro «Referentes cara a cara», conectando o alumnado coas referentes investigadas durante o reto e, cando proceda, cos proxectos de Aprendizaxe-Servizo. Xaneiro- xuño 2027.
A.3.1.4. Desenvolver a campaña de comunicación «Referentes diversas» para difundir experiencias e resultados do proxecto. Setembro 26- outubro 2027
Directa: 222 persoas (4 homes, 18 mulleres, 88 nenos e 112 nenas)
Indirecta: 565 persoas (126 homes, 189 mulleres, 110 nenos e 140 nenas)
Xunta de Galicia: 37.000,00 € (14.800,00 € en 2026 e 22.000,00 € en 2027)