Outras novas
25/10/2008
Outras novas

HOMENAXE A NACHO SALGADO

Catro horas de camiño por estradas e carreiros precarios separan Tarapoto (Perú) de San Martín, na selva peruana, lugar no que Ignacio Salgado, Nacho, estaba a traballar para mellorar a calidade da auga e o saneamento. O 21 de setembro, cando facía o percorrido en moto sufriu un fatídico accidente que rematou coa súa vida de dedicación á cooperación.

Antes de partir, sobre as 5 da mañá, falaba con Walter Hugo Paredes, empresario de obra civil implicado no proxecto: “Lembro que ese domingo estaba especialmente contento e, aínda que a súa familia estaba de visita na cidade, preferiu sacrificar o día e vir comigo a rematar ese traballo, porque sabía que diso dependía que a xente da zona puidese consumir auga de máis calidade canto antes”. Así era Nacho.

Ignacio Salgado naceu en 1961 en Xixón, pero desde neno viviu coa súa familia en Lugo. Era un bo deportista. Gustábanlle o parapente e os cabalos. Estudou Veterinaria en León e conseguiu unha praza de funcionario na administración autonómica. Pouco a pouco decatouse de que non lle gustaba a burocracia, así que cambiou a estabilidade por outro tipo de vida. En 1988 marchou coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) a Bolivia para construír matadoiros modulares.

Con esa decisión deulle renda solta á súa verdadeira vocación e comezou un intenso e amplo periplo coma profesional da cooperación durante dúas décadas. O seu labor deixou pegada en Bolivia, Honduras e Perú.

Nacho colaborou con distintas organizacións: Medicos Mundi, Solidariedade Internacional, a Pastoral de Acción Social de Bolivia, a Cruz Vermella Alemana e coa ONGD xermana Welthungerhilfe, coa que estaba a desenvolver o que sería o seu derradeiro traballo. A súa experiencia e dotes organizativas levábano, en ocasións, a facer traballos de coordinación e consultoría, pero el sempre prefería arrimar o ombreiro, traballar en contacto coa xente, vivir e sentir os seus problemas, e proporcionarlles as “ferramentas” para poder camiñar pola súa conta e aproveitar os seus propios recursos. Esa era a súa forma de entender a cooperación. “Desde sempre se entregou aos proxectos dos demais, deixando esquecidos os propios”, conta o seu irmán Manuel.

LABOR EN PERÚ

Cinco días despois do terremoto de Perú do 15 de agosto de 2007, Nacho xa estaba a colaborar coa Cruz Vermella Alemana, asistindo e abastecendo os afectados de Chincha, Ica e Paracas. Despois, comezou a traballar coa ONGD Welthungerhilfe na construción de 750 vivendas provisionais, vinte aulas, e na mellora da auga e do saneamento para 5.000 beneficiarios. Actualmente vivía en Lima coa súa muller, que traballa na embaixada alemana, e os seus dous fillos de 7 e 13 anos.

Alcides Vilela, coordinador na rexión de Ica de ITDG Soluciones Prácticas, a ONG local coa que estaba a colaborar Nacho, descríbeo coma un optimista: “Sabía contaxiar ánimos á poboación, a pesar das dificultades. O seu sorriso era  permanente, nunca estaba triste”. Vilela asegura que Nacho deixou moitas achegas no tocante ao sistema organizativo, na parte administrativa, na técnica e na de deseño, pero destaca especialmente que “o seu optimismo foi vital nun escenario no que a xente tiña unha actitude negativa polas traxedias persoais que viviron, e ademais reaccionaba con moita rapidez e motivaba a todo o mundo”. “Era un home cunha gran calidade humana e profesional”, resalta.

Esa actitude, sempre traballando sobre o terreo callou na xente. De feito, a poboación local celebrou unha misa na súa honra e decidiron bautizar un local social en Chincha, coñecido alí como UPIS (Urbanización Popular de Interese Social), co seu nome. “A xente de alí tíñalle moito cariño, notámolo cando asistimos ao funeral”, relata o irmán de Nacho. Sen dúbida, a estela da súa obra non quedará unicamente no gran número de infraestruturas e melloras que axudou a poñer en marcha aló onde desenvolveu o seu traballo.

O seu labor foi máis lonxe e terá continuidade, coma a el lle gustaba. Un dos seus proxectos máis valiosos consistiu en formar a un centenar de rapaces e rapazas peruanos para que aprendesen a poñer en marcha eles mesmos o sistema de saneamento, un legado que segue vivo hoxe. Ademais, algúns deses mozos e mozas acabaron namorándose e casando entre eles, así que Nacho deixou nesas terras algún que outro afillado. De seguro que todos eles lembrarán sempre o sorriso permanente nos seus beizos, que nunca será borrado.

PROFESIONALIDADE:

O falecemento de Nacho lémbranos as difíciles condicións nas que realizan o seu traballo os cooperantes nos países receptores de axuda. Compartindo as mesmas carencias de infraestruturas e servizos básicos dos pobos cos que decidiron cooperar. Todos os traballos que se desenvolven a prol do ser humano requiren vocación. O traballo no Sur require ademais, do recoñecemento da súa especificidade e dificultade, nin máis, nin menos. Nestes últimos anos o pulo do sector e das institucións, ten acadado que se recolla xa parte do caracter específico do traballo da cooperación, nos textos normativos que afectan a este labor.

Queda, sen embargo, moito traballo por diante, concrecións e melloras, para un sector que en Galicia está inserido nunha incipiente, necesaria e imparable profesionalización. A sociedade galega debe coñecer e entender a peculiaridade do labor da cooperación, asumindo asemade, a necesidade do recoñecemento profesional dos cooperantes. Profesionais que no desempeño das súas funcións son transmisores da vontade de acadar un mundo con menos desigualdades, dun mundo onde os Dereitos Humanos deixen de mirarse no horizonte para pasar a estar no punto de partida para todas e cada unha das persoas que o habitamos. Nacho traballaba en, por e para isto; vaia por el.

FONTE: ALTERMUNDO