Novas de Cooperación Galega
06/11/2008
Xeral

COOPERACIÓN OUTORGA PRIORIDADE Á SAÚDE NOS PAÍSES MÁIS EMPOBRECIDOS, SEGÚN OS OBXECTIVOS DO MILENIO

Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior, salientou hoxe a “mellora da saúde infantil e materna, a loita contra enfermidades prevalentes (SIDA, malaria e tuberculose) e o acceso a medicamentos esenciais” coma Obxectivos do Milenio prioritarios tamén para a Cooperación Galega na inauguración do curso “A Saúde no Milenio: Unha Sinatura Pendente II”, organizado por Farmamundi-Galicia na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela.

Segundo explicou Sotelo, a Xunta de Galicia dedicou no 2007 o 12,5% dos orzamentos de Cooperación Exterior ao financiamento de 14 proxectos de mellora sanitaria promovidos por ONG e outros axentes por un importe total de 1,3 millóns de euros. O 60% deles, en América Latina, e o 40% restante, en África. Tamén salientou que este eido de actuación constitúe o 40% dos microproxectos adxudicados mais o 13% das accións de sensibilización aprobadas este ano.

A saúde tamén sobresae nas actividades e obxectivos de dúas iniciativas de cooperación directa da Xunta de Galicia, tanto en Guatemala como na República Dominicana. En Guatemala, nas municipalidades de Retalhuleu e Champerico, o programa desenvolve unha liña estratéxica de saúde na que se traballa coas delegacións de Galicia de Farmacéuticos Mundi e Educación Sen Fronteiras, e coas organizacións guatemaltecas Asociación Servizos Comunitarios de Saúde (ASECSA) e  Proxecto de Desenvolvemento Santiago (PRODESSA). Así mesmo, na Rehabilitación e desenvolvemento no vertedoiro de Santiago de los Caballeros, en República Dominicana, un dos sectores de actuación é a saúde primaria e preventiva, na que se colabora coa Fundación Dominicana Desarrollo Loma y Salud (FUNDELOSA).

O curso, especialmente dirixido aos estudantes de Farmacia, contará coa participación, ademais dos expertos de Farmamundi, de profesionais dedicados á loita contra enfermidades esquecidas coma o Mal de Chagas, contra enfermidades prevalentes no Sur coma a Malaria, así coma relatores sobre a atención á saúde materno – infantil ou sobre o dereito ao acceso aos medicamentos.