Novas de Cooperación Galega
09/04/2007
Xeral

A DIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN EXTERIOR MANTIVO UNHA XUNTANZA COA DELEGACIÓN COLOMBIANA PARTICIPANTE NO PROGRAMA DE COOPERACIÓN “ ERICA”

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, mantivo esta mañá un encontro coa delegación procedente da rexión colombiana de Antioquía que está estes días a visitar Galicia no marco do programa Erica, promovido pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. O obxectivo do encontro foi analizar os resultados da visita, que tiña como finalidade reunirse con representantes de diversas institucións galegas para a transferencia de boas prácticas en ámbitos como o tecnolóxico, o emprendemento e a promoción económica e empresarial.  A posible apertura de novas vías de colaboración en materia de cooperación internacional entre Galicia e esta rexión colombiana foi outro dos temas a tratar no encontro con esta delegación que se desprazará a Andalucía nos vindeiros días.

No encontro participou o Secretario de Competitividade e Produtividade da rexión, Juan Camilo Quintero, ademais dos representantes institucionais da alcaldía de Medellín, da área de transferencia tecnolóxica da Universidade de Antioquia e da Confama (Caixa de Compensación Familiar de Antioquia).

Programa EricaO programa Erica (España e as súas Rexións Intercambian Coñecementos con Antioquia) é un programa a tres anos promovido pola AECI que busca o establecemento e consolidación de relacións a longo prazo entre institucións españolas e antioqueñas. O obxectivo destes intercambios é afortalar os servizos, tanto públicos como privados, que ofrece a rexión colombiana en materia de desenvolvemento empresarial, desenvolvemento local, innovación e tecnoloxía.

Para isto no proceso de ERICA analizáronse 60 institucións e programas españois, dos que se seleccionaron un pequeno grupo para iniciar o proceso de transferencia en base a criterios de calidade e idoneidade coas necesidades das institucións da rexión colombiana.

En Galicia foron elixidas para iniciar e definir proxectos a longo prazo o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) polos seus programas de fortalecemento de competitividade das Pequenas e Medianas Empresas (PEMES); o Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC) e os seus programas de detección e fortalecemento de emprendedores, o Instituto de Acuicultura polo apoio ao desenvolvemento do sector da acuicultura mariña baixo criterios de sostebilidade e o Instituto Tecnolóxico de Galicia polos programas de fortalecemento sectorial.

O programa esta na actualidade na súa terceira fase, onde as institucións españolas e antioqueñas van a desenvolver varias xornadas de traballo para sentar as bases dos proxectos de transeferencia previstos.

Neste proxecto participan ademais de Galicia, as comunidades de Asturias, Andalucía, Castela León, Navarra, Cataluña e Estremadura, algunhas das cales serán visitadas pola delegación nos próximos días para axilizar a definición dos proxectos co maior número posible de comunidades implicadas.