Novas de Cooperación Galega
26/05/2021
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE mantivo unha reunión con representantes da ONGD Entreculturas

  • Entreculturas é unha organización non gobernamental de cooperación para o desenvolvemento especializada na educación e o desenvolvemento dos pobos.
  • Traballan en 37 países a nivel mundial e en España conta con 28 delegacións; concretamente en Galicia, existen 3 ubicadas en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.

 

Jesús Gamallo mantivo onte unha reunión co director de Entreculturas a nivel nacional, Ramón Almansa, co coordinador de Entreculturas en Galicia, José Luis Barreiro, e coa responsable de Cidadanía e Incidencia da entidade, Lucía Rodríguez, na que deron a coñecer o momento actual da organización e presentaron o Informe “Recuperar a axuda á educación: unha chamada de emerxencia”, que publicaron este ano.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo destacou o apoio que a ONGD Entreculturas vén recibindo do Goberno galego desde a súa inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, e máis concretamente desde a aprobación do I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009.

A Xunta ten apoiado o traballo de Entreculturas en cooperación para o desenvolvemento en países como Nicaragua e Perú; en acción humanitaria en Sudán del Sur, República Centroafricana e Malawi; e en educación para o desenvolvemento e cidadanía global, a través da Campaña Mundial pola Educación e o apoio á Rede Solidaria.

Entreculturas é unha organización non gobernamental de cooperación para o desenvolvemento especializada no ámbito da educación e o desenvolvemento dos pobos dende a convicción de que a educación é un Dereito Humano fundamental do que ningunha persoa pode quedar excluída.Traballa en 37 países a nivel mundial e en España conta con 28 delegacións; concretamente en Galicia, existen 3 ubicadas en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. Inscrita no Rexistro de Axentes de Cooperación dende o ano 1998, é unha das entidades que máis volume de fondos xestiona en Galicia, concretamente no marco do III Plan director da Cooperación Galega 2014-2017 xestionou 799.329 €, e no período de vixencia do IV Plan director 2018-2021 ten xestionado subvencións por un importe de 744.880 €.