Novas de Cooperación Galega
23/03/2018
Xeral

Xornada pública de traballo cos axentes galegos de cooperación

A subdirectora xeral de Cooperación Exterior e o resto do equipo técnico da Subdirección Xeral participaron hoxe na EGAP nunha xornada de traballo con representantes dos axentes galegos de cooperación para examinar o borrador do IV Plan director da cooperación galega, documento estratéxico de planificación das actuacións da Xunta de Galicia en materia de cooperación para o desenvolvemento para os vindeiros catro anos.

Esta xornada enmárcase no proceso participativo de elaboración do dito plan director, que arrancou oficialmente coa reunión plenaria do Consello Galego de Cooperación  para o Desenvolvemento (Congacode), celebrada o 19 de decembro de 2017.

O obxectivo perseguido co proceso de planificación estratéxica é o da recuperación do consenso nesta política pública, a través da promoción do diálogo activo e da participación plural e inclusiva. Con este fin, elaborouse un plan de traballo que está a ser desenvolvido durante estes  primeiros catro meses de 2018.

No marco do proceso participativo celebráronse xa diversas xuntanzas e entrevistas cos axentes para facilitar a realización de achegas ao borrador do plan director. Do mesmo xeito, abriuse unha sección específica no portal web da Cooperación Galega para facilitar a información e participación neste proceso.

O documento definitivo do Plan presentarase ao Congacode o vindeiro 18 de abril. Posteriormente, o proxecto de Plan Director será sometido á aprobación do Consello da Xunta para, a continuación, ser remitido ao Parlamento de Galicia, co fin de que poida ser aprobado no actual período de sesións.