Novas de Cooperación Galega
20/12/2023
Xeral

A Xunta apoia sete proxectos de investigación universitaria en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria, dotada cun 200.000 euros
  • A través doutra liña de axudas, o Goberno galego financia tamén tres microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior con 63.500 euros

 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023.- Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para proxectos de investigación e a creación de grupos de investigación en materia de cooperación ao desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que poderán executar grupos e centros de investigación das universidades galegas. A convocatoria beneficia sete iniciativas que se distribuirán 200.000 euros, un 33% máis que en edicións anteriores.

A meirande parte dos proxectos están liderados pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), cun investimento global de 118.500 euros. Trátase dun proxecto centrado na formación para a cidadanía global, en agrupación con Farmacéuticos Mundi; outro sobre o patrimonio xeomorfolóxico de pasos montañosos en itinerarios culturais como os existentes nos Andes centrais e o Camiño de Santiago; na evolución comparativa de actuacións agroforestais en Guatemala; e en materia de desenvolvemento e igualdade a través de música, en agrupación con Ecos do Sur. 

Pola súa banda, a Universidade de Vigo recibirá 51.550 euros para un proxecto de acompañamento biopsicosocial a mulleres indíxenas vulnerables do Perú, en agrupación coa USC, e outro de revalorización sustentable de residuos vexetais. Os 30.000 euros restantes do orzamento da convocatoria destínanse ao proxecto da Universidade da Coruña en agrupación con Axuda en Acción, centrado nun plan de resposta diferenciada e deseño de metodoloxía de construción de vivenda de reasentamento ou retorno nas crises humanitarias de Cabo Delgado e Mozambique.

Esta convocatoria enmárcase no V Plan director da cooperación galega 2023-2026, así como no Plan anual da cooperación galega para este ano. Cumpre cos obxectivos de apostar por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación; promove unha cultura de investigación que mellora a xestión e contribúe ao impacto das intervencións; e posibilita unha maior orientación estratéxica coa posta en valor das vantaxes diferenciais de Galicia nos sectores con equipos de investigación fortes.

Apoio a microproxectos

O Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe a resolución das axudas para microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e que benefician tres iniciativas. Trátase dos proxectos Reactivación da poboación civil saharauí, a cargo da Asociación Integral Rescate Emergencias-AIRE, Construíndo saúde, de Escuela Shantidi, e Mellora do acceso a medios de vida nas localidades de Dembanje, Basseor e Yal na Guinea Bissaucon especial atención ás mulleres, da entidade Miradas al Mundo.

Enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio. A Xunta financia ata o 95% do orzamento total de cada iniciativa. As propostas apoiadas distribúense 63.500 euros que cobren o total do orzamento solicitado por cada unha delas.

Entre os gastos subvencionables figuran tanto os directos imprescindibles para poñer en marcha e a execución da intervención tales como os custos de aluguer, construción ou reforma de inmobles e infraestruturas necesarios para levar a cabo a iniciativa; equipos informáticos e outro material e equipamento vinculado á actividade; gastos de persoal; servizos técnicos e profesionais; viaxes e aloxamentos; ademais de gastos financeiros, de asesoría xurídica e rexistrais e periciais. Tamén se inclúen os gastos correntes de funcionamento no país onde se execute o microproxecto.