Proxectos

Acceso á auga potable, instalacións de saneamento e promoción da hixiene en cinco escolas de Catio, na rexión de Tombali. Guinea Bissau

Mediante este proxecto dotarase a cinco escolas do sector de Catio, na rexión de Tombali, ao Sur de Guinea Bissau, de fontes de auga potable segura, instalacións de saneamento separadas para nenos e nenas, e promoverase a adopción de prácticas de hixiene seguras, como o lavado de mans.

Con esta intervención quérese contribuír a reducir as enfermidades e as mortes infantís relacionadas co acceso e a calidade da auga, con alta incidencia na rexión. Outro aspecto importante do proxecto é a creación de Clubs de Hixiene infantís que, mediante un enfoque de educación entre pares transmitan e potencien os bos hábitos hixiénicos, e os coñecementos sobre a relación entre hixiene e saúde.

A decisión de implantar estes servizos a nivel escolar e cunha intervención deste tipo ten como principio a promoción de contornas saudables no medio escolar para a mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe. É necesario que existan os servizos e, aínda máis importante en canto ao seu impacto na saúde, que se dea un uso apropiado e se xeneralicen os hábitos saudables.

Os nenos e as nenas poden ser os mellores axentes de cambio das súas sociedades. Por unha banda, o que aprendan en pouca idade quedará fixado e afectará de forma positiva ao seu desenvolvemento e ás súas familias e por outra banda, o que observan e adquiren na escola trasládano ás familias logrando un efecto dominó en canto ao cambio de comportamentos.

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Proxectos no exterior ONGD
Rexión: 
África
País: 
GUINEA-BISSAU
Zona de actuación: 
Tombali (rexión)
Axentes: 
UNICEF
Contraparte: 

UNICEF Guinea Bissau

Código CRS: 
12250 - Control enfermidades infecciosas
140 - Abastecemento de auga e saneamento
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Reducir as enfermidades e a mortalidade infantil relacionadas co acceso ao auga, o saneamento e a hixiene na rexión de Tombali.
Obxectivo Específico: Asegurar o acceso a auga potable, instalacións de saneamento adecuadas e prácticas de hixiene seguras en 5 escolas de Catio, na rexión de Tombali.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: Dotouse a 5 escolas de sistemas de abastecemento de auga que ofrecerán subministración aos alumnos e a poboación circundante.
Actividades:
A.1.1.1.: Construción de 5 perforacións/pozos en 5 escolas.
A.1.1.2.: Compra e montaxe de 5 bombas manuais.
Resultado 1.2.: Promovéronse prácticas seguras de hixiene e saneamento entre os alumnos de 5 escolas a través de promoción da hixiene e a construción de 10 bloques de letrinas separadas por xénero e equipadas con lavamáns.
Actividades:
A.1.2.1.: Construción de 10 bloques de letrinas separadas para nenos e nenas con lavamáns.
A.1.2.2.: Formación e educación en hixiene para docentes e alumnos de 5 escolas.
Resultado 1.3.: Establecéronse sistemas comunitarios para a xestión e o mantemento de sistemas de auga e saneamento de 5 escolas, implicando escolas e comunidades e facilitando o acceso a auga segura das comunidades circundantes.
Actividades:
A.1.3.1.: Sesións de mobilización comunitaria, información, educación e comunicación
A.1.3.2.: Creación e capacitación de Comités de Auga, Saneamento e Hixiene.
A.1.3.3.: Encontro de formación sobre mantemento e bo uso das fontes de auga e sistemas de saneamento.
Resultado 1.4.: Fomentouse a sensibilización e a participación infantil mediante a creación de cinco Clubs de Hixiene vinculando polo menos a 60 alumnos e alumnas
Actividades:
A.1.4.1.: Establecemento e apoio dos clubs de hixiene “Child to child” nas cinco escolas.

Poboación beneficiaria: 

Directa: 964 persoas (53,21% mulleres).

Axudas: 

60000