Mediación lingüística para a cooperación ao desenvolvemento
O proxecto “Mediación lingüística para a cooperación ao desenvolvemento (MELINCO)” busca contribuír á protección dos dereitos lingüísticos na cooperación ao desenvolvemento a través dunha serie de accións que redunden nunha mediación lingüística de calidade entre o persoal das ONGD e as persoas usuarias e destinatarias das súas accións de cooperación, dende unha perspectiva de Dereitos Humanos.
MELINCO é, pois, un proxecto de investigación pero cunha aplicabilidade directa no traballo que fan as ONGD xa que contribuirá a eliminar as barreras lingüísticas e culturais que afrontan as persoas máis vulnerables, garantindo así os dereitos humanos e as liberdades fundamentais que son cruciais para o desenvolvemento sostible, a gobernanza inclusiva, a paz e a equidade social, tal e como está previsto na Axenda 2030.
Obxectivo xeral: Contribuír a mellorar a comunicación entre as ONGD e as comunidades coas que traballan e coas que non comparten a mesma lingua.
Obxectivo específico:
- Realizar unha análise diagnóstica das necesidades de mediación lingüística e cultural (necesidades de interpretación, tradución e barreiras culturais) que existen entre o persoal das ONGD e as poboacións estranxeiras coas que traballan, con especial atención as prácticas habituais e posibles vulneracións dos dereitos lingüísticos das persoas usuarias.
- Deseñar unha formación específica para o persoal das ONGD sobre como traballar con intérpretes profesionais de forma eficaz (técnicas de interpretación e tradución, dinámicas de traballo práctico a través de intérpretes, código deontolóxico, obrigas de confidencialidade, lexislación internacional que ampara o dereito a tradución e interpretación, sexo da persoa que interpreta, etc.) e sobre como previr problemas de mediación lingüística cando se fai con persoal propio das ONGD.
- Sensibilizar sobre os enormes riscos de traballar con intérpretes ad hoc e/ou sen formación especializada en contextos de cooperación ao desenvolvemento.
- Impartir a formación deseñada no marco do proxecto por persoal docente cualificado ao persoal das ONGD.
- Realizar as traducións profesionais culturalmente adaptadas dos materiais detectados polas ONGD como prioritarios (documentos informativos e impresos institucionais para a tramitación sobre cuestións administrativas, xurídico-sociais e/ou sanitarias, documentos de traballo cos países en vías de desenvolvemento, etc.) cara as linguas de traballo nos países de cooperación e dando prioridade ao portugués pola importancia da lusofonía neste contexto.
- Crear unha guía de boas prácticas profesionais para traballar con intérpretes no ámbito da cooperación ao desenvolvemento.
- Consolidar novas liñas de investigación universitaria en cooperación para o desenvolvemento, especialmente unha liña de traballo multidisciplinar en cooperación ao desenvolvemento dende o ámbito da protección dos dereitos lingüísticos e culturais.
A 0. Consolidación da rede de traballo e deseño do proxecto.
A 1. Coordinación e difusión do proxecto.
A 2. Reunión de lanzamento.
A 3. Organización do grupo focal.
A 4. Grupo focal.
A 5. Tratamento de resultados.
A 6. Deseño da formación.
A 7. Realización da formación.
A 8. Realización das traducións e adaptacións culturais.
A 9. Elaboración da guía de boas prácticas.
A 10. Xornada de Peche do proxecto.
Directa: A poboación beneficiaria está conformada por un total de 8 persoas, involucradas directamente na investigación. Así como alumnado das universidades de Vigo e A Coruña e personal laboral das ONGD’s.
Axuda Xunta de Galicia: 30.000 € (2019: 15.000 €; 2020: 15.000 €)