Novas de Cooperación Galega
24/11/2006
Xeral

450 NENAS E NENOS RECIBEN FORMACIÓN E CAPACITACION EN CHIRIACO (PERÚ) A TRAVÉS DUN PROXECTO DE COOPERACIÓN FINANCIADO POLA XUNTA DE GALICIA

A Xunta de Galicia está a financiar un proxecto de cooperación na zona do río Chiriaco, en Perú, que permite que 450 nenas e nenos reciban formación e capacitación, facilitándolles o acceso á educación primaria e secundaria. Esta colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior coa Congregación de Servas de San Xosé fai posible que se amplíen as actividades formativas que as relixiosas están a levar a cabo nos centros educativos que teñen nesta zona e permite tamén realizar obras de mellora das instalacións.

O goberno galego achega para estas actuacións un total de 95.000 euros co gallo de formar e capacitar á poboación máis nova desta zona de Perú para que poidan acceder a un posto de traballo e actuar na súa vida cotiá como axentes dun desenvolvemento eco-sostible.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, vén de visitar estas escolas, no marco da viaxe institucional que está a realizar a Perú. O pasado martes, Sotelo representou á Comunidade Galega na IX reunión da Comisión Mixta Hispano Peruana na que se demarcaron as liñas que rexerán a política de cooperación entre ambos países ata o 2010.

Mellora de instalaciónsAs achegas da Xunta para este proxecto están a permitir varias obras de mellora nas instalacións do colexio que as Servas de San Xosé posúen na zona do río Chiriaco. Este internado alberga a 450 nenas e nenos que non terían oportunidades de acceder á educación básica de non ser por este colexio. Trátase dunha zona de moi difícil acceso, con enormes dificultades de comunicación e pouca densidade de poboación, polo que o único xeito de ofrecer un programa de educación regular é facelo a través do réxime de internado. O alumnado deste colexio procede de 100 comunidades distintas e afastadas entre si e pertencen, maioritariamente, ás etnias aguaruna e huambisa.

Deste xeito, estanse a desenvolver obras de electrificación das instalacións, substituíndo os motores que funcionan con combustible por outros alimentado por enerxía eléctrica para permitir, así mesmo, a introdución de equipos informáticos e maquinas de coser industriais para a apertura de obradoiros de costura.Tamén se está a construír un obradoiro de carpintería onde o persoal de servizos fabrica e repara mobles dos edificios da comunidade e das instalacións educativas.

Reforzar o papel da mullerUnha das liñas prioritarias nas que se está a apostar dende esta congregación é a de formar as mulleres aguarunas e huambisas para que podan contribuír activamente a mellora das condicións de vida das súas comunidades. O que se busca é que o maior número de mulleres posible remate os estudios primarios e poidan acceder a unha educación secundaria de caracter técnico que lles facilite o acceso ao mundo laboral en igualdade de condicións cos homes, converténdose en axentes de cambio e desenvolvemento.

40 Bolsas de formación para estudios secundariosAdemais deste proxecto de mellora das instalacións do centro educativo que as Servas de San Xosé posúen na zona do río Chiriaco, a Xunta de Galicia está a participar en varias actividades que está congregación leva a cabo noutras zonas de Perú.

Na localidade de Urcos, por exemplo, están a xestionar un taller no que mozas e mozos en situación de exclusión social fórmanse na manipulación de cerámica, tecidos e actividades de reciclado de materiais, o que os capacita para crear pequenas empresas coas que cubrir as necesidades básicas das súas familias.

Así mesmo, se están a financiar un total de 40 bolsas para a realización de estudos de secundaria para alumnas de escasos recursos do colexio de San Xosé. Acadar que o maior número posible de mozas e mozos de zonas nas que traballan os membros desta congregación accedan aos estudos superiores é outro dos obxectivos que se buscan. Por iso, se está a traballar tamén para permitir, a través de varias bolsas, o acceso a carreiras de grao medio, equivalentes as diplomaturas, de xeito que ao rematalas poidan voltar as súas comunidades e incidir no seu desenvolvemento.