Novas de Cooperación Galega
28/03/2022
Xeral

Activación dos convenios con UNICEF e con Farmamundi para levar a cabo intervencións de emerxencia fronte á crise humanitaria en Ucraína

  • O Goberno galego colabora con 40.000 € en dúas actuacións de UNICEF e Farmamundi para levar a cabo intervencións de emerxencia fronte á crise humanitaria en Ucraína

 

A Xunta activou os convenios de emerxencias asinados con UNICEF Comité Español e con Farmamundi para a posta en marcha de intervencións de emerxencia para a atención das persoas afectadas polo conflicto en Ucraína cun investimento de 40.000 euros en ambas actuacións.

No caso da activación do convenio con UNICEF o Goberno galego apoiará con 30.000 euros a activación de 26 denominados puntos azuis co obxectivo de garantir a protección dos dereitos de nenos e nenas e mulleres en risco pola crise de Ucraína nun contexto de fluxo migratorio a outros países. Nestes centros proporcionaraselles información para axudarlles nas viaxes aos que foxen do conflito. Ademais, ofrecen aos máis cativos un espazo seguro de lecer no que descansar ante unha situación traumática por ter que abandonar o seu entorno.

Por outra banda, a Xunta achegará outros 10.000 euros á organización Farmamundi, en colaboración co seu socio local, a oficina de xénero Gender Bureau, para executar unha intervención orientada a mellorar as condicións de vida das persoas desprazadas internas cubrindo as súas necesidades máis inmediatas coa entrega de paquetes nutricionais. Prevese atender con esta axuda a 1.800 persoas -sobre todo mulleres e menores- chegadas á rexión de Poltava nas rutas desde as zonas máis afectadas do leste de Ucraína.