Novas de Cooperación Galega
19/12/2017
Xeral

Aprobado o Plan anual da cooperación galega 2018 na reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu esta mañá en Santiago a xuntanza do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode)
  • Jesús Gamallo informou tamén sobre os resultados da execución do Plan Anual 2017, que foi executado na súa totalidade
  • O Congacode é o órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu esta mañá en Santiago a xuntanza do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), onde foi presentado o Plan Anual 2018 da Cooperación Galega aos representantes dos axentes galegos de cooperación. O Congacode é o órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación.

O principal punto da orde do día da reunión de hoxe foi o voto favorable por parte do Congacode do Plan Anual 2018 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento, que recolle as actuacións previstas para o ano que ven e que conta cunha dotación orzamentaria de 5.027.160 euros. Este Plan cumpre o compromiso de incremento paulatino e de forma sostida da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), estando garantida a solvencia da Cooperación galega e apostando polas convocatorias públicas de axudas para o financiamento de proxectos co fin de facilitar a concorrencia dos distintos axentes de cooperación, e primando a actuación das ONGD como principais aliadas e socias da Xunta na xestión e canalización das axudas.

Ademais, o Plan mantén a colaboración coas entidades locais a través da sinatura do convenio co Fondo Galego para promover a participación das entidades locais galegas na área de cooperación para o desenvolvemento e mellorar dende o local a sensibilización da sociedade galega, coa mesma dotación que no ano 2017. Así mesmo, prestarase atención especial á axuda humanitaria e de emerxencia mediante a sinatura de convenios de colaboración con AECID, Farmamundi, SOGAPS, ACNUR e UNRWA.

Tamén se aposta pola formación no ámbito da cooperación cunha nova convocatoria de 6 bolsas de formación de persoal experto en cooperación para o desenvolvemento para que mozos/as titulados/as universitarios/as amplíen os seus coñecementos e reciban formación práctica, tanto nas oficinas da AECID no exterior como na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela.

 

Balance Plan Anual Cooperación 2017

Jesús Gamallo fixo un balance do Plan Anual deste ano que foi executado na súa totalidade, cun orzamento de case 5 millóns de euros, e onde destacou como actuacións máis relevantes as convocatorias de axudas bianuais de proxectos no exterior para ONGD e outros axentes de cooperación, cunha dotación total de 3.012.500 euros, a convocatoria bianual de proxectos de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global de ONGD, cunha dotación total de 400.000 euros, a convocatoria anual de proxectos de Acción Humanitaria, cunha dotación de 300.000 euros, e a convocatoria bianual de proxectos de Investigación para o Desenvolvemento promovidos polas universidades e centros de investigación galegos, cunha dotación total de 150.000 euros.

Foron asinados 9 novos convenios de colaboración con Farmamundi, coa Coordinadora Galega de ONGD, coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), coa Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA), coa Fundación CETMAR, co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) e coa Consellería de Política Social para o apoio ao programa “Vacacións en Paz 2017”, con Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e a Fundación Educación y Cooperación-EDUCO, e con UNICEF.