Aprobado por unanimidade o ditame do Comité das Rexións (CdR) sobre o novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo foi o relator do ditame
O texto recibiu 20 emendas, das cales 19 foron aprobadas. Na súa intervención, Gamallo destacou que “os gobernos locais proporcionan a maioría dos nosos servizos básicos, polo que non podemos ter sociedades ben gobernadas se non implicamos ás autoridades locais. É por tanto necesario que a UE promova alianzas entre as autoridades locais e rexionais para cumprir os obxectivos das Nacións Unidas”
Unha nova cooperación ao desenvolvemento
No marco da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable, o ditame elaborado pola Xunta de Galicia pretende dar resposta aos desafíos e retos da sociedade internacional tendo en conta as transformacións actuais, nas que se inclúen novos tipos de cooperación máis aló do tradicional Norte-Sur, como son a triangular, a Sur-Sur e a cooperación descentralizada; novos instrumentos de acción que transcendan a axuda oficial ao desenvolvemento (AOD), máis innovadores e creativos, como é outorgar máis recursos a aqueles países máis implicados na reformas. Trátase de converter aspectos como a boa gobernanza ou a loita contra o cambio climático en criterios de cooperación ao desenvolvemento. A aplicación da axenda require dun enfoque multinivel e multi-actor, tanto de axentes institucionais como da sociedade civil, por iso é polo que resulta necesario que a Comisión Europea recoñeza que ningún destes obxectivos se pode lograr plenamente se os poderes rexionais e locais non se implican no esforzo transformador.
Esta proposta de cooperación descentralizada inclúe que a migración ordenada sexa un dos propósitos da acción ao desenvolvemento, así como que a UE potencie a coordinación e a coherencia entre a política de desenvolvemento e outras políticas comunitarias, como a axuda humanitaria ou a agricultura.
Acción local a escala global
Doutra banda, o texto da Xunta de Galicia sobre cooperación aprobado hoxe no Comité das Rexións incide na relevancia do papel que poden desempeñar os gobernos locais e rexionais no logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) pola súa proximidade cos problemas globais. Especialmente, chama a atención a súa utilidade na loita contra a pobreza e a desigualdade, xerando un crecemento económico inclusivo, e na protección dos recursos naturais. Por iso, a Xunta fai un chamamento a que a UE implique ás autoridades locais e rexionais na implementación de programas no mundo en desenvolvemento. A Unión pode mellorar a coordinación e flexibilidade desta axuda facendo uso do recurso do orzamento directo.
Este novo enfoque, recollido polo ditame, recoñece que é imprescindible a construción dunha Alianza Global que acolla non só a países, senón a institucións internacionais e locais, e actores sociais que traballen en redes de cooperación descentralizada para poder levar a cabo os cambios en países en desenvolvemento. Esta Alianza axudaría a unha maior mobilización de recursos. Neste sentido, o CdR pode contribuír achegando coñecemento a través de intercambios coas autoridades homólogas nos países receptores, en virtude da experiencia que adquiriu en diferentes foros internacionais.