Novas de Cooperación Galega
13/06/2006
Xeral

BERTAMIRÁNS ACOLLE MAÑÁ UNHA XORNADA DE ANÁLISE DA COOPERACIÓN DO FONDO GALEGO EN PERÚ

Mañá celébrase na Casa da Cultura de Bertamiráns as II Xornadas de Avaliación que analizarán a actuación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL) en Perú. Nel participarán membros das Administracións autonómicas e locais con responsabilidade na xestión de cooperación ao desenvolvemento, Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento e profesionais do sector para analizar de xeito conxunto o labor que se está a levar no eido da cooperación en Perú.

O programa dá comezo ás 10,00 horas coa inauguración oficial a cargo do Alcalde de Ames, Carlos Antonio Fernández Castro; e coa participación de Xosé Cuns, técnico da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia; e de Xosé María Permui, membro da comisión executiva do Fondo Galego. A secretaria do FOGACOSOL, Iria Alonso, pronunciará o primeiro relatorio no que fará unha revisión dos oito anos que esta institución leva traballando en Perú. A continuación, ás 11,00 horas, celebrarase unha mesa redonda coa participación de representantes de diversas ONGD´s que teñen experiencia no traballo solidario neste país andino.

O director financeiro do Centro de Promoción do Desenvolvemento e a Educación (CEPRODE) de Perú, Óscar Pedro Almendáriz León, falará da avaliación dos proxectos desenvolvidos en colaboración co FOGACOSOL e, posteriormente, os alcaldes dos municipios peruanos de San Miguel de Arcos e Atavillos Bajo, William Florencio Ramos e Huber Félix Damián, respectivamente, incidirán no poder local como motor de desenvolvemento en Perú. O peche das Xornadas terá lugar ás 14,00 horas.

Avaliando para seguir mellorando“Avaliando para seguir mellorando” é un encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e financiado pola Xunta de Galicia para crear un espazo de encontro entre os distintos axentes da cooperación galega que traballan no mesmo país. A dirección xeral de Cooperación Exterior apoia esta iniciativa por entender que é unha das vías de actuación futura para todo o mundo da cooperación galega. A avaliación axudará ao melloramento e a o incremento da calidade das accións, facendo fincapé alá onde sexan máis necesarias e máis útiles.

Nesta segunda edición márcase como obxectivo analizar os impactos, a eficacia e a sostenibilidade da cooperación levada a cabo polo FOGACOSOL en Perú nos últimos anos; visibilizar as fortalezas e as debilidades destas accións e contar coa información e opinión de primeira man dos organismos peruanos que coactuan nestes proxectos.