Novas de Cooperación Galega
25/04/2007
Xeral

CATROCENTOS ESTUDANTES DA CORUÑA AXUDAN A FORMAR A CADEA HUMANA MÁIS LONGA DO MUNDO A PROL DA EDUCACIÓN DA INFANCIA

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, participou hoxe no acto central da Campaña Mundial pola Educación que se celebrou na Coruña. Neste evento, catrocentos escolares de once colexios da cidade  pedíronlle aos representantes políticos que defenderan o dereito que todo neno ten a acceder a unha educación gratuíta e de calidade, a través do apoio ás campañas do 0,7% e do aumento do orzamento destinado nas políticas de cooperación á educación, como mínimo un 8% da axuda. Ademais os escolares animaron ás institucións a sumarse á Iniciativa por Vía Rápida para a Educación, de xeito que no 2015 se acaden os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio nesta materia .

A directora xeral de Cooperación Exterior, tras asinar o compromiso presentado polos rapaces, asegurou que dende o goberno galego “apoiaranse tódalas iniciativas encamiñadas a acadar un acceso universal á educación” e que unha das prioridades do seu departamento “sempre foi a educación porque é o único xeito de rachar co círculo da pobreza”. Sotelo aseverou que “de nada serve destinar máis recursos se non se loita contra as causas que xeran as desigualdades a nivel mundial”. Referiuse tamén á situación a que se teñen que enfrontar diariamente miles de nenos en todo o mundo “algúns teñen que camiñar varios quilómetros para acceder á escola e outros nin tan sequera poden ao vérense afectados polas guerras”. En canto ao compromiso de dedicar o 8% da axuda a proxectos educativos salientou que “neste anos superamos esa porcentaxe ao dedicar o 13% do noso orzamento a proxectos centrados na educación”.

O acto finalizou coa formación dunha cadea humana que rodeou a praza de María Pita baixo o lema “Únete polo dereito á educación xa!”. Esta cadea formouse  en 120 países de todo o mundo e en cincuenta cidades españolas conformando a máis longa cadea humana do mundo. Nela participaron os concelleiros de Cultura e Cooperación, Carlos González Garcés e o concelleiro de Xuventude, Deportes e Turismo do concello da Coruña, Esteban Lareo.

Campaña Mundial pola EducaciónA Campaña Mundial pola Educación (CME) é unha coalición internacional de ONGDs,  sindicatos do mundo educativo, centros escolares e movementos sociais de todo tipo comprometidos co dereito a educación, que nace en 1999 co fin de esixir aos gobernos o acceso e desfrute do dereito á educación de todos.

Para reivindicar que se cumpra este dereito, cada ano a CME organiza, como unha das súas principais accións, a Semana de Acción Mundial pola educación que se está a celebrar do 23 ao 29 de abril, na que os membros de este movemento traballan en conxunto para chamar a atención aos representantes políticos, membros da comunidade educativa e sociedade en xeral para facer efectivo o dereito a unha educación básica de calidade. Este ano baixo o lema Únete ¡Polo Dereito a Educación, Xa!, millóns de persoas  de todo o mundo van a formar unha gran cadea humana que segundo a organización “simboliza a solidariedade entre as persoas e a responsabilidade de cada unha delas na consecución deste dereito”.

ReivindicaciónsA dedicación por parte do estado de  alomenos o 8% da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) á educación básica, continuar impulsando os canxes de débeda por educación e outros servicios sociais básicos, e establecer un compromiso de como mínimo 76 millóns de dólares para o período 2007 - 08 en apoio a iniciativa Vía Rápida en Educación, están entre as reivindicacións deste movemento, que en España está promovido polas organizacións Alboan, Axuda en Acción, Educación sen Fronteiras, Entreculturas, Intered, Intermón Oxfam, Save the Children, CC.OO, FETE UGT e STES – i.