Celebración do acto central da Campaña Mundial pola Educación (CME) en Galicia

O acto tivo lugar no Parlamento de Galicia onte 6 de xuño, foi presidido polo presidente do Parlamento de Galicia e contou coa presencia do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o director xeral de de Relacións Exteriores e coa UE e a subdirectora Xeral de Cooperación Exterior.
Neste acto participaron os representantes dos grupos parlamentarios, a representante da Campaña Mundial pola Educación e o alumnado dos centros educativos CEIP Labarta Pose, CEIP Víctor Sáenz, CDR O Viso, CEIP Plurilingüe de Bragade, CPI Virxe da Cela, IES Marco do Camballón, IES Santo Alberto, CPR San José, CEIP Milladoiro, Alumno Universitario e Casas da Xuventude de Oleiros.
A Campaña Mundial pola Educación (en diante CME) é unha coalición internacional, presente en 124 países, formada por ONGD, sindicatos do ámbito educativo, centros escolares e movementos sociais de moi diverso signo que reclaman o cumprimento íntegro dos compromisos do "Cumio de Dakar" do ano 2000, onde a comunidade internacional comprometeuse a garantir o acceso a unha educación de calidade para todos e todas (ODS 4 da Axenda de Desenvolvemento Sustentable).
O obxectivo da CME é mobilizar á cidadanía para que esixa aos seus gobernos e á comunidade internacional que cumpran as súas promesas e se responsabilicen do destino de millóns de persoas aos que se exclúe do dereito á educación.
En Galicia organízase como un equipo territorial integrado dentro da Coalición Española da CME, representante en España da Global Campaign for Education, que actualmente está integrada por 4 ONGD (Educo, Axuda en Acción, Entreculturas e Taller de Solidaridad) e a Universidade de Santiago de Compostela.
Cada ano, dende o 2008, as diferentes ONGD que se agrupan para levar a cabo a Campaña presentan á convocatoria de proxectos de Educación para o Desenvolvemento (EpD) da DXRREE e coa UE un proxecto coas actividades que van realizar en Galicia no marco da Campaña. A CME conta dende o ano 2008 con financiamento da Cooperación Galega.
A CME 2023 enmárcase nun proxecto plurianual aprobado na convocatoria de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global 2022-2023 e conta cun financiamento da Xunta de Galicia de 45.000,00 €.
O lema da Campaña en 2023 é “Transformación en igualdade”, poñendo o foco nunha educación transformadora cun claro enfoque de xénero, que vaia máis aló da mellora do acceso á educación das nenas, novas e mulleres, nunha educación enfocada en equipar e capacitar a toda a comunidade educativa -alumnado, profesorado, familias, comunidades e responsables políticos- para ser capaces de examinar, cuestionar e cambiar as construcións sociais e culturais que manteñen os privilexios do xénero masculino fronte ás nenas, novas, as mulleres e outras identidades de xénero ata o de agora moi invisibilizadas.