Novas de Cooperación Galega
14/05/2018
Xeral

Cetmar emprende novas accións para mellorar as condicións de vida de comunidades rurais e costeiras de Mozambique a través do fortalecemento do sector pesqueiro e acuícola

As accións previstas, financiadas pola Xunta de Galicia, pretenden ampliar as oportunidades de emprego e as fontes de ingresos na provincia de Cabo Delgado

 

O Centro Tecnolóxico do Mar está a desenvolver en Mozambique o proxecto ACUIPES en virtude dun convenio  subscrito coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, que financia estas accións a través de Cooperación Galega.

A iniciativa, que vén a dar continuidade ás actividades desenvolvidas en 2017 no marco dos proxectos AFIS e CRIL, desenvólvese conxuntamente coa Dirección Provincial do  Ministerio do Mar, Aguas Interiores e Pescas da Provincia de Cabo Delgado, o Instituto Nacional de Desenvolvimento de Pesca e Aquacultura (IDEPA) e o Instituto Nacional de Investigaçao Pesqueira (IIP) de Mozambique.

CETMAR pretende ampliar as oportunidades de emprego e as fontes de ingresos sostibles para as comunidades rurais e costeiras de Cabo Delgado a través do fortalecemento do sector pesqueiro e acuícola, contribuíndo así á loita contra a pobreza e á mellora das condicións de vida e da seguridade alimentaria nesta provincia mozambicana.

Para cumprir ese fin, ACUIPES contempla tres liñas de actuación prioritarias, como son o fortalecemento das institucións con competencias na materia; a formación, capacitación e apoio ao sector e, finalmente, o apoio ao aproveitamento sostible dos recursos e ás estratexias cara a diversificar a actividade acuícola.

No ámbito institucional, a Fundación CETMAR pretende obter unha visión actualizada, completa e real do sector acuícola de Cabo Delgado reforzando o traballo levado a cabo en anteriores proxectos para a elaboración do censo de piscicultores e para o deseño do Sistema de Información Acuícola de Mozambique (SIAM), aplicación de información xeográfica na que se realizarán axustes técnicos.

Tamén está previsto incidir na formación e capacitación dos técnicos mozambicanos que xestionan as devanditas fontes de información, así como a celebración dun seminario de pesca e acuicultura que favoreza o intercambio e o diálogo entre os axentes do sector.

Paralelamente, e tendo en conta o éxito da experiencia de desenvolvemento da acuicultura rural levada a cabo con anterioridade no distrito de Mueda, estenderase ese modelo produtivo a outros distritos e aldeas da provincia, como son Pemba e Metuge. Para elo melloraranse as capacidades técnicas dos piscicultores a través de formacións e intercambio de experiencias e mediante o seguimento técnico dos estanques nas diferentes fases do cultivo da tilapia.

Finalmente, o Centro Tecnolóxico do Mar traballará coa comunidade de mulleres de Chuiba, cuxa principal actividade é o cultivo de mexillón, a fin de por en marcha unha iniciativa piloto de diversificación que xere novas fontes de ingreso ou oportunidades de emprego e contribúa á igualdade de xénero e ao empoderamento da muller.

A área de Cooperación Internacional da Fundación CETMAR traballa dende o ano 2008 xunto ao IDEPA e o IIP en Mozambique, o oitavo país cun Índice de Desenvolvemento Humano máis baixo do mundo segundo o último Informe de Desenvolvemento Humano de Nacións Unidas e cun elevado índice de subnutrición infantil. O proxecto ACUIPES encaixa así coa estratexia de desenvolvemento do sector pesqueiro e acuícola mozambicano, o Plano Director das Pescas 2010-2019, que identifica á cuestión da seguridade alimentaria e nutricional como unha prioridade estratéxica.

No caso da provincia de Cabo Delgado, ámbito de actuación desta nova iniciativa, a taxa de retraso no crecemento infantil alcanza o 55%. A súa principal base económica é a agricultura de subsistencia e a pesca, amplamente exercida ao longo do litoral, e que contribúe á dieta alimentaria e ao rendemento da poboación.

Froito doutros proxectos anteriores financiados por Cooperación Galega e executados por CETMAR, a produción de tilapia consolidouse como unha actividade de éxito, capaz de xerar ingresos e de mellorar as condicións de vida da poboación do distrito de Mueda, onde os piscicultores beneficiarios destas accións conseguiron producir peixe non só para autoconsumo senón tamén para a venta a nivel local, xerando importantes ingresos. O éxito alcanzado en Mueda está sendo un referente, e son cada vez máis os agricultores que se interesan por desenvolver actividades de piscicultura en Cabo Delgado.