Novas de Cooperación Galega
18/10/2018
Xeral

Cetmar emprende unha nova acción en Perú para contribuír a un mellor desenvolvemento pesqueiro e acuícola na Bahía de Sechura

  • Técnicas do Centro Tecnolóxico do Mar inician unha misión de identificación en Piura con financiamento da Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega
  • As expertas galegas traballarán da man das institucións peruanas e dos actores locais xunto a representantes de Ayuda en Acción, ANFACO-CECOPESCA e a ONG ESCAES, que veñen actuando no ámbito marítimo-pesqueiro e acuícola nesta zona

 

Dúas técnicas da Fundación CETMAR permanecerán ata o vindeiro 26 de outubro na Bahía de Sechura co obxectivo de compilar información sobre a situación actual desta zona costeira de Perú e analizar os factores demográficos, sociais, culturais, económicos, ambientais e políticos que condicionan o seu desenvolvemento.

O obxectivo desta misión, auspiciada por Cooperación Galega, é identificar aos principais actores e o seu papel no desenvolvemento deste ámbito costeiro, así como as potencialidades e ameazas dos sectores pesqueiro e acuícola da zona. Tamén buscar sinerxías e estratexias de cooperación que contribúan ao crecemento desta contorna litoral e das súas comunidades.

Para iso, e nestes primeiros días, as expertas do Centro Tecnolóxico do Mar están a manter encontros con representantes de diferentes institucións a todos os niveis, como o Ministerio de la Producción e o Organismo Nacional de la Sanidad Pesquera (SANIPES), o Instituto del Mar de Perú (IMARPE) e o Fondo Nacional de Desarrollo Pesquero (FONDEPRES), así como con representantes de Cooperación Española e da Unión Europea en Perú.

Os contactos proseguirán nas vindeiras xornadas con encontros cos gobernos rexional e provincial do departamento de Piura e coas autoridades locais e extensionistas de Sechura, así como coas comunidades e organizacións pesqueiras, transformadores e comercializadores, co fin de obter unha imaxe completa do sector e identificar aos actores que interveñen en todo o proceso.

A misión técnica contempla ademais a visita en terreo dos proxectos financiados por Cooperación Galega nesta zona de Perú e un taller de traballo para unha posta en común coas organizacións implicadas, ademais do establecemento dun mapa de actores da zona.

Toda a información compilada nestes quince días será obxecto dunha análise posterior de cara á elaboración dun informe final de identificación no que a Fundación CETMAR definirá as liñas estratéxicas de actuación cara ao desenvolvemento do sector pesqueiro e acuícola na Bahía de Sechura, as conclusións e as recomendacións técnicas que poderían servir de base a futuros proxectos de cooperación no departamento de Piura.

Tanto no traballo previo de preparación da misión como agora en terreo, as expertas galegas están a contar coa colaboración de entidades que veñen actuando neste ámbito, como é o caso das organizacións non gobernamentais Ayuda en Acción e Escuela Campesina de Educación y Salud (ESCAES), así como ANFACO-CECOPESCA, con experiencia nesta zona de Perú.

A presenza de actores galegos vinculados á pesca e á acuicultura no país peruano ten unha longa traxectoria, e foron varias as accións de cooperación ao desenvolvemento promovidas pola Xunta de Galicia a raíz dun memorando de entendemento subscrito en 2004 co goberno do país.

Na actualidade, a Bahía de Sechura, unha das máis grandes de Perú con cerca de 90 quilómetros de litoral, destaca pola súa riqueza natural e por unha importante actividade socioeconómica que experimentou un notable crecemento nos últimos anos. Neste contexto é no que o Goberno galego planea agora a necesidade de por en marcha novas actuacións de cooperación no departamento de Piura.