COLABORACIÓN PARA A PROTECCIÓN E PROMOCIÓN DOS DEREITOS DA INFANCIA NO SUR DE SENEGAL
A Directora Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, e o presidente de UNICEF Galicia , Manuel Sández, fixeron público esta mañá o contido do convenio que ambas entidades subscribiron este ano para a protección e promoción dos Dereitos da Infancia no Sur de Senegal. A Xunta financiará 220.000 euros para un proxecto que se desenvolve durante os anos 2007 e 2008 na rexión de Casamance.
O programa estrutúrase en tres liñas de acción: cooperación, sensibilización e fortalecemento, cun investimento conxunto no 2007 e 2008 de 234.371 €
A primeira desas liñas desenvólvese na rexión de Casamance, no sur de Senegal, cunha aportación de 220.000 euros. Esta rexión vén de atravesar un conflito armado entre as autoridades e as milicias da zona. Milleiros de persoas teñen abandonado a rexión, fuxindo da inseguridade que causaba non só o conflito, senón tamén a presenza de minas antipersoa nos campos destinados á agricultura e zonas de paso.
Entre outras actividades estase a traballar na formación de 600 mesttras e mestres e 600 líderes comunitarios e relixiosos para a xestión do conflito, prevención de accidentes con minas, edición de materiais para a formación e sensibilización, ou a celebración de reunións informativas e debates nas comunidades para advertir de prácticas como a explotación sexual.
Tanto a Xunta de Galicia como Unicef, mostraron o seu convencemento de que este proxecto repercutirá cun impacto moi positivo en Casamance, xa que mais de 10.000 persoas das rexións de Ziguinchor e Kolda se beneficiarán directamente deste proxecto.
A segunda pretende sensibilizar á poboación galega coa situación da infancia nos países do Sur, así como difundir o concepto e sentido da cooperación galega ó desenvolvemento, a través dun exemplo que amosa como en Senegal se pode influír positivamente na situación da infancia. Este exemplo é unha curtametraxe, “Binta e a Gran Idea”, recoñecida internacionalmente e dirixida por Javier Fesser, que se emitiu durante a rolda de prensa e que se difundirá a todos os colexios galegos de Secundaria e a máis de 150 asociacións. Para esta tarefa de sensibilización, a Xunta aporta 8764 euros.
A terceira liña, para a que se aportan 1607 euros, quere situar como unha prioridade, tanto na cooperación galega como na axenda política e social galega, a promoción e aplicación dos Dereitos da Infancia, así como dar un impulso ao maior recoñecemento da misión de Unicef en canto á promoción e aplicación de Dereitos das nenas e nenos. Para iso, a produtora galega Continental Films elaborou un spot que conta coa música (cedida de balde) do grupo Milladoiro.Un aspecto a destacar é a austeridade dos programas de sensibilización, sen que iso supoña merma algunha do seu impacto ou calidade. Unha característica moi salientable de Unicef Galicia.A Xunta de Galicia aposta así pola promoción do desenvolvemento humano, a capacitación, comunicación, difusión e información de Dereitos da Infancia.