Novas de Cooperación Galega
31/01/2006
Xeral

A COMISIÓN INTERTERRITORIAL DE COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO APROBA O PROXECTO PARA ESTABLECER O ESTATUTO DO COOPERANTE

A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, participou esta mañá en Madrid na xuntanza da Comisión Interterritorial de Cooperación para o desenvolvemento, presidida polo Ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación, Miguel Ángel Moratinos, na que se aprobou, por unanimidade, o proxecto do Real Decreto polo que se establece o Estatuto do Cooperante. Fabiola Sotelo trasladou as súas “felicitacións”, en nome do Goberno galego, por este consenso á Secretaria de Estado de Cooperación, Leire Pajín, e ao seu equipo.

Este documento, contemplado na Lei de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, establece un marco normativo para regular os aspectos esenciais do labor dos cooperantes. Nel se detallan os seus dereitos e obrigas, o réxime de incompatibilidades, a formación, a homologación dos servizos que prestan e as modalidades de previsión social.

Co Estatuto do Cooperante pretendese apoiar o traballo dos cooperantes dende as Administracións. Este traballo se realiza, frecuentemente, en lugares e condicións de notable dureza –deficientes en canto a condicións sanitarias, enfermidades endémicas, conflitos bélicos abertos, etc- que poden supoñer situacións de risco para a súa saúde e, en casos, para a súa integridade física.

Segundo establece o texto do proxecto, non pode esquecerse que o labor dos cooperantes contribúe a difundir no exterior un dos aspectos máis positivos da proxección internacional da sociedade civil, as ordes relixiosas e as institucións públicas españolas: “a solidariedade internacional”. Así mesmo, deféndese no proxecto de Estatuto que o traballo dos cooperantes é un “elemento estratéxico” á hora de avanzar cara a “unha cooperación de calidade”, e relaciona a “calidade” e “eficacia” da cooperación internacional coa “dignificación das condicións nas que desenvolven o seu traballo”.

Participación galega Galicia está representada nesta comisión pola titular da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento está integrada por representantes das Administracións Públicas. Tanto Comunidades Autónomas, como Locais –a través da Confederación de Fondos de Cooperación, o Fondo Andaluz de Municipios para a solidariedade Internacional, o Fondo Estremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade- e departamentos do Goberno español relacionados con esta temática.