Comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE no Parlamento de Galicia para dar a coñecer o Plan anual 2021 da Cooperación Galega
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, deu a coñecer hoxe no Parlamento de Galicia o Plan anual 2021 da Cooperación Galega, cun orzamento de case 7,5 millóns de euros, un 12 % máis que o do 2020.
- Esta semana entrou en vigor a lei que regula a acción exterior e a cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
O Plan anual 2021 da Cooperación Galega conta cun orzamento de case 7,5 millóns de euros que se destinarán, na súa maior parte, a mitigar o impacto da covid nas sociedades máis vulnerables. Supón un incremento dun 12 % respecto do ano anterior, mantendo así o compromiso do IV Plan director da Cooperación Galega, que remata este ano, de incrementar anualmente a súa dotación nun 11,4 % como mínimo.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, deu a coñecer hoxe no Parlamento de Galicia os obxectivos dun programa que coincide cos principios acadados pola Unión Europea e polas Nacións Unidas para dar unha resposta global á crise da covid. Deste xeito, o Plan anual 2021 establece como ámbitos estratéxicos afrontar a emerxencia sanitaria e prever futuras crises sanitarias e pandémicas, promover o exercicio dos dereitos sociais básicos e a cohesión social das sociedades afectadas e mitigar o impacto socioeconómico e a salvagarda das persoas máis vulnerables.
O ámbito de actuación do Plan anual 2021 concentrarase nos once países que define como prioritarios o IV Plan director; é dicir, en Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Guatemala, Honduras, Nicaragua, O Salvador, Bolivia, Ecuador, Perú e República Dominicana, e recoñece como colectivos de atención preferente ás persoas e grupos de poboación en situación de vulnerabilidade ou en risco de marxinación, exclusión ou discriminación que teñan sido máis afectados pola pandemia, identificando aos menores e ás mulleres como colectivos especialmente afectados.
O 80 % dos fondos -descontados os programas en marcha e os gastos de persoal e xestión- canalizaranse a través de convocatorias públicas nas que se priorizan as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, mentres que aos convenios de colaboración se destina o 20 % restante. Galicia destinou nos últimos dous anos algo máis de 12 millóns de euros á cooperación ao desenvolvemento.
A comparecencia de Jesús Gamallo no Parlamento de Galicia coincide coa entrada en vigor esta semana da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que se constitúe nun dos puntais da proxección da comunidade autónoma no exterior.