Novas de Cooperación Galega
06/06/2023
Xeral

Conclúe o programa formativo para promover a cooperación internacional en Galicia

Logo dun ano de actividades e acompañamento, péchase esta iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE que permitiu ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Coordinadora Galega de ONGD deseñar as súas propias iniciativas europeas baseadas nas necesidades do territorio galego.

No seu interese pola promoción da cooperación galega e a profesionalización de quen traballa neste sector, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE puxo ao dispor do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Coordinadora Galega de ONGD un servizo de acompañamento e asesoría en xestión de fondos europeos durante os últimos meses. Ademais de realizarse talleres presenciais, online e sesións individualizadas de acompañamento, esta iniciativa permitiu as dúas entidades o deseño, planificación e solicitude de varios proxectos transnacionales. As ditas propostas destinadas a reforzar a capacitación en materia de cooperación ao desenvolvemento do persoal das administracións locais, así como a promover o activismo fronte a retos globais dos e das máis novas da rexión, fomentarán a cooperación de Galicia grazas igualmente ao apoio de entidades e actores doutros catro países.

Preténdese así contribuír ao posicionamento dos concellos e ONGD galegas no ámbito internacional a través da capacitación dos seus equipos para a realización de iniciativas que, ademais de ter un carácter internacional, busquen un impacto notable e un desenvolvemento sustentable dos territorios nos que estas se implementen grazas á participación activa das súas comunidades. Isto permitirá a todas as organizacións e persoal participante nesta iniciativa unha maior proxección territorial e a diversificación de fondos en aras da súa sustentabilidade e afianzamento no territorio galego e o europeo.