CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL PARA ERRADICACIÓN DA VIOLENCIA DE XENERO
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia conmemorará o próximo domingo 25 de novembro, o Día Internacional para a erradicación da Violencia de Xénero coa visita da líder da Asociación Casa Amiga Centro de Crisis en Ciudad Juárez, México.
Irma Guadalupe Casas estará en Galicia dende o 20 ata o 25 de novembro e participará en diferentes actividades. Isto suporá un intercambio de impresións e experiencias entre o Casa Amiga Centro de Crisis e organizacións e sectores galegos para a loita contra a violencia de xénero.
Para potenciar este intercambio, Irma Guadalupe Casas impartirá tres conferencias e visitará o Centro Alecrín de Vigo. As conferencias terán lugar na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago o xoves ás 12’00 horas, na Casa da Xuventude en Ourense o venres ás 19’00 horas, e no Centro Cívico dos Mallos na Coruña o sábado ás 19.15 horas.
O proxecto de Casa Amiga no que está a colaborar a Xunta de Galicia, ten como obxectivo a atención integral a mulleres, e nenas e nenos que teñan sufrido a causa da violencia de xénero, con tres áreas de actuación. A primeira delas é a intervención directa coas afectadas a través do traballo social, a psicoloxía e a base legal. A segunda é a posta en marcha dunha campaña preventiva permanente que chegue aos centros educativos, escolas ou feiras, e que transporte unha mensaxe de prevención e información. E a terceira é o deseño e reprodución dun material de difusión para crear novas alianzas entre organizacións da sociedade civil, institucións do Goberno e empresariado.
Traballando nestas áreas, a organización quere dar atención por vez primeira a 1500 mulleres, e nenas e nenos, abrir dous talleres terapéuticos infantís dirixido a menores que sufriran algún abuso sexual ou violación, contar con 700 asesorías legais en materia de violencia doméstica, e levar a cabo tarefas de difusión e sensibilización.
Poboación beneficiariaCasa Amiga Centro de Crisis traballa en Ciudad Juárez prestando atención psicolóxica, legal e preventiva a un grupo de persoas do que o 99% son mulleres e nenas e nenos. Isto coincide cunha das prioridades transversais fixadas polo I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, a de xénero, que prioriza a procura da igualdade das mulleres nas sociedades dos países máis empobrecidos.