Novas de Cooperación Galega
04/10/2006
Xeral

COOPERACIÓN EXTERIOR ACHEGA MÁIS DE 170.000 EUROS PARA ACTIVIDADES DE FORMACIÓN DE PESCADORES CENTROAMERICANOS

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia achegará máis de 170.000 euros para actividades de formación de pescadores centroamericanos. O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura dun acordo entre a Administración autonómica e a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) para a realización do Proxecto de apoio profesional dos pescadores de centroamérica.

Ao abeiro deste acordo, realizaranse un total de catro iniciativas, que contarán co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

En primeiro lugar, desenvolverase en Galicia, no mes de novembro de 2006, un seminario sobre primeira venda e comercialización dirixido a representantes das Administracións pesqueiras e das federacións de pescadores do Istmo centroamericano. A Fundación CETMAR encargarase da coordinación formativa e loxística deste seminario, así como da posta á disposición das súas instalacións en Vigo para impartir a formación teórica do curso.

Tamén no mes de novembro deste ano, organizarase na cidade guatemalteca de Antigua un encontro para presentar do Plan de Pesca en Centroamérica 2007-2010.

Así mesmo, no marco deste convenio, sitúase tamén a posta en marcha do Plan de Formación para Pescadores Artesanais e Acuicultores en Centroamérica. Trátase dun módulo de formación e capacitación básica para pescadores de Honduras, Nicaragua, Panamá, Costa Rica, O Salvador e Guatemala. En cada un destes seis países desenvolveranse dous cursos de formación sobre esta temática. A coordinación destas actividades formativas correrá a cargo da Fundación CETMAR.

Finalmente, procederase á segunda dotación de equipamentos das oficinas de apoio creadas en cada un dos países participantes no Plan de formación (Honduras, Nicaragua, Panamá, Costa Rica, O Salvador e Guatemala).

A Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias en materia de cooperación exterior, vén executando proxectos e programas en países cun baixo índice de desenvolvemento humano por medio de instrumentos de cooperación técnica e económica en colaboración con outros entes públicos e privados. Deste xeito, desde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior estanse a executar diversos proxectos de cooperación para o desenvolvemento en materia pesqueira na área centroamericana.

Trátase de países cun enorme potencial en sectores como a acuicultura, a pesca de altura, o turismo, a produción forestal e o ambiente en xeral. A posición de Galicia ante esta rexión pode resultar decisiva se se conxugan un axeitado programa de desenvolvemento do seu tecido produtivo básico, de políticas ambientais, deseño de produtos turísticos.

Fundación CETMARA Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) ten como finalidade fomentar e executar todas aquelas accións necesarias para unha conservación e aproveitamento responsable do medio mariño e os seus recursos, en especial no que respecta ao litoral galego. Entre as súas actividades inclúense tarefas de formación, investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, aínda que tamén leva a cabo accións executivas concretas fronte a demandas puntuais (análise, informes, asesoramento, axuda nas propostas e realización de actividades de investigación, transferencia de tecnoloxía, formación e programas de cooperación nacional e internacional).

Para a consecución dos obxectivos deste convenio, a Fundación CETMAR contará co apoio da Unidade Coordinadora da Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola do Istmo Centroamericano (OSPESCA).