Novas de Cooperación Galega
30/01/2008
Xeral

COOPERACIÓN EXTERIOR APOIA A DIFUSIÓN DO TRABALLO DAS MULLERES DOS COMEDORES POPULARES DE PERÚ

Hoxe presentouse no Club Internacional de Prensa, o Ciclo de Conferencias “Mulleres cociñando o futuro” apoiado pola dirección xeral de Cooperación Exterior a traveso da subvención acadada por Intermon Oxfam na convocatoria para proxectos de sensibilización e educación para o desenvolvemento.Intermon leva anos traballando coas mulleres da Federación de Mulleres Organizadas en Centrais de Comedores Populares Autoxestionarios de Lima e Callao (FEMOCCPAALC). Mulleres de sectores populares da Lima metropolitana que fronte as sucesivas crises económicas, dende 1978 asumiron a atención do dereito á alimentación da poboación empobrecida a través destes comedores. Na actualidade esta rede está presente en 14 distritos de Lima contando con 1.397 comedores. A nivel estatal, e acompañando o proceso de descentralización de competencias iniciado nos últimos anos no Perú, especialmente dende 2007, xa xestionan en 29 delegacións unha produción diaria estimada de 200.000 racións.María Boceta, presidenta da federación, e Relinda Soza, presidenta da Confederación Nacional de Mulleres Organizadas pola Vida e o Desenvolvemento Integral (CONAMOVIDI), fixeron especial fincapé no salto realizado dende a xestión dos comedores á loita polo empoderamento das mulleres, no reclamo dos seus dereitos, na participación socia le na incidencia política e control das obrigas derivadas da lei social que elas mesmas impulsaron nos anos 90. Tras duras loitas polo seu recoñecemento e pola defensa da súa autonomía, os comedores populares reciben por parte do estado peruano un subsidio para a compra de alimentos que actualmente  bordea o 13% do custe total da ración.                                 

José Luis Quintela, director territorial para Galicia, Asturias e León de Intermon Oxfam salientou que estas conferencias, ademais de cumprir co primordial obxectivo de sensibilización en Galicia, supoñen un exercicio de rendición de contas e de transparencia, que a propia organización, aliñada coa estratexia de claridade da dirección xeral de Cooperación Exterior, observa coma esencial.A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, destacou a implicación destas mulleres, non só no inxente traballo cotiá de asegurar a alimentación ás miles de persoas beneficiarias da xestión dos comedores populares, senón tamén na importancia da súa loita pola implicación e participación das mulleres nas políticas públicas, e a promoción e defensa dos seus dereitos políticos e sociais.Defensa dos dereitos das mulleresDende a súa creación na década dos 70, a FEMOCCPALM centrouse en que o asociacionismo creado para xestionar os comedores populares, servira para que  as mulleres se implicaran na defensa dos seus dereitos, tanto políticos como sociais e culturais. O funcionamento destas redes ten propiciado logros legais como unha lei promulgada en 2002, que establece a participación de representantes dos comedores populares na xestión e fiscalización dos programas estatais de apoio alimentario.No plano cultural, o funcionamento dos comedores está a propiciar un incremento da autoestima das mulleres, unha mellora da súa capacidade de comunicación e un aumento da súa seguridade persoal. O paso por esta organización favorece que as mulleres se afiancen no terreo familiar  á hora de expresar a súa opinión e na toma de decisións que afecten á saúde dos fillos e a súa alimentación.Mellorar a situación da mullerA dirección xeral de Cooperación Exterior destina na actualidade 1.277.788 euros, a proxectos de cooperación e sensibilización cos que se pretende tanto mellorar a situación da muller en moitas comunidades do Sur, coma concienciar a poboación galega sobre a necesidade de acadar unha igualdade de dereitos real entre homes e mulleres. Máis aló do enfoque transversal, 17 proxectos incidiron de xeito directo na mellora e empoderamento da muller, 12 deles en terreo, alcanzando a porcentaxe do 14,20 dos fondos, especialmente en América Central e Caribe, así coma en Perú, Ecuador, Mozambique, Senegal ou Etiopía; e 5 en sensibilización cun 11,85% dos orzamentos destinados a tal fin.

Ciclo de Conferencias “Mulleres cociñando o futuro”As conferencias, abertas á participación cidadá se celebrarán nas sete principais cidades de Galicia como se detalla a continuación:Hoxe xoves, 31 de xaneiro, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela; mañá venres 1 de febreiro, ás 19:30 horas no Salón de Actos da ONCE na Gran Vía viguesa; o sábado 2 de febreiro, ás 18:30 horas, no centro sociocultural Caixa Galicia de Ourense; o luns 4 de febreiro, ás 19:30 horas na Galería Sargadelos de Pontevedra; o martes 5 de febreiro, ás 19:30 horas no Salón de Actos da Xunta de Galicia, na Praza de España en Ferrol; o mércores 6 de febreiro, ás 19:30 horas na Galería Sargadelos de Lugo; e o xoves 7 de febreiro, ás 19:30 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande de A Coruña.