Novas de Cooperación Galega
10/08/2007
Xeral

COOPERACIÓN EXTERIOR DESTINA 842.000 EUROS A UN PROGRAMA DE FORMACIÓN DE PESCADORES EN CENTROAMÉRICA

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior destinará 842.000 euros nos vindeiros tres anos a un programa de formación de pesca artesanal en Centroamérica que ten como obxecto impulsar a profesionalización do sector e o desenvolvemento económico destas comunidades. Este proxecto, que coordinará a galega Iria Gippini, beneficiará de xeito directo a máis de 700 pescadoras e pescadores artesanais e a preto de 50 formadoras e formadores e persoal técnico das administracións pesqueiras de Honduras, Nicaragua, Panamá, Belice, O Salvador, Guatemala e Costa  Rica. Trátase da iniciativa máis importante en materia de cooperación levada a cabo pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior no 2007.

O programa, que se desenvolverá a través do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) da Xunta de Galicia e a Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola Centroamericano , consta de tres ámbitos de actuación en función do grupo ao que vaia dirixido. O primeiro deles vai destinado ao persoal técnico das administración pesqueira e centrarase na realización de talleres específicos sobre o sector, que serán impartidos por persoal experto galegos e centroamericano. O segundo dos grupos ao que vai dirixido este plan é ao das formadoras e formadores, que participarán en cursos especializados co obxecto de que adquiran os coñecementos  necesarios para poder trasmitilos posteriormente ás pescadoras e pescadores.

As comunidades artesanais constitúen o terceiro e o máis amplo dos sectores aos que vai destinado este programa. O obxectivo principal é incrementar a cualificación de todas  as persoas integrantes do sector pesqueiro (extractores, recolectores, procesadores, comercializadores...) mediante a súa formación en técnicas de pesca, artes e aparellos, así como na comercialización dos productos pesqueiros. Ademais, xa recibiron cursos de prevención de riscos laborais e seguridade no traballo.

Este Programa de Formación de Pescadores Artesanais de Centroamérica , forma parte dunha iniciativa máis amplia de apoio ao sector pesqueiro artesanal e acuicultura, o Plan de Pesca Centroamerica, financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional

Capacitación das mulleresO programa prestará unha especial atención á formación das mulleres, xa que son as encargadas da venda dos productos pesqueiros nestes países. Así, recibirán cursos en materia de manipulación, hixiene, conservación, comercialización e xestión dunha pequena empresa.

O proxecto levarase a cabo en colaboración cos gobernos locais e a Organización Pesqueira e Acuícola do Istmo Centroamericano (Ospesca), integrada polos ministros, viceministros e directores de pesca e acuicultura da rexión.

A ampla experiencia galega no sector pesqueiro constitúe a base principal deste programa co que se pretende contribuír a facer da pesca artesanal o motor para o desenvolvemento económico e a xeración de emprego nestas comunidades. Para iso, darase unha resposta integral as necesidades de formación do sector, de forma que se incida en todas as fases do proceso: dende a extracción e a pesca artesanal ata comercialización e a formación das administracións responsables da xestión dos recursos pesqueiros.

Escasa tecnificaciónA pesca e acuicultura constitúen para gran parte da poboación centroamericana a fonte de subsistencia e o medio a partir do cal poden acceder a mellores condicións de vida, xa que o sector facilita oportunidades de xeración de emprego e beneficios para as empresas que se involucran neste sector. A poboación dedicada a esta actividade económica é relativamente xoven, en torno aos 30 anos, e case a metade das pescadoras e pescadores artesanais desempeñan algunha outra actividade económica que lles proporciona ingresos complementarios. Sen embargo, o grado de tecnificación é moi escaso e preto do 50% das embarcacións artesanais son botes o caiucos o que dificulta o desenvolvemento do sector.