Novas de Cooperación Galega
24/08/2006
Xeral

COOPERACIÓN EXTERIOR ESTÁ A ANALIZAR COS REPRESENTANTES DOS CENTROS GALEGOS DE LATINOAMERICA AS ESTRATEXIAS DE COLABORACIÓN PARA OS VINDEIROS ANOS

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, está a analizar cos representantes dos centros galegos de latinoamerica as estratexias de colaboración para os vindeiros anos. Fabiola Sotelo ven de participar no VIII Consello de Comunidades Galegas ao que ten previsto asistir de novo no día de hoxe.

A directora xeral de Cooperación Exterior ven de manter un encontro con representantes dos colectivos de emigrantes en Uruguai, Venezuela e Arxentina cos que se está a desenvolver o Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 que inclúe a outros 17 países. Á xuntanza, á que tamén asistiu o secretario xeral de Emigración, tiña por obxecto avanzar no fortalecemento da capacidade dos centros e comunidades galegas nestes países e asegurar e concretar a realización conxunta de accións de cooperación internacional. Os proxectos de cooperación ao desenvolvemento que se levarán a cabo en Arxentina, Uruguai e Venezuela coordinaranse tamén coa secretaría xeral de Emigración.

O Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 aprobado por unanimidade no Parlamento, recoñece a labor dos centros e comunidades galegas nestes países, asi como a súa experiencia e coñecemento da realidade para poder facer unha cooperación eficaz que beneficie á poboación residente.

Entre os acordos acadados na reunión de onte atópase a contratación dun técnico de cooperación en cada país. Este identificará e formulará os proxectos de cooperación para ser financiados pola Xunta a AECI ou outras institucións financeiras internacionais. Tamén se encargará de seguir os proxectos presentados non só polos propios centros senón por calquera outro axente de cooperación galega. Por último, será o responsable da formación de persoal propio das comunidades galegas nas áreas citadas para asegurar a sustentabilidade das accións de cooperación.

O mes de febreiro do vindeiro ano 2007 será o elixido para formalizar os proxectos en cada país, unha vez garantida a súa viabilidade.