Novas de Cooperación Galega
22/04/2008
Xeral

COOPERACIÓN GALEGA APOIA A “SEMANA DE ACCIÓN MUNDIAL POLA EDUCACIÓN” EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, asinou hoxe un manifesto no que a Xunta de Galicia comprométese a destinar, coma mínimo, o 8% dos orzamentos da súa Axuda Oficial ao Desenvolvemento a desenvolver proxectos de educación básica nos países do Sur, segundo establece un dos obxectivos da “Semana Mundial pola Educación”. No acto, dirixido por Manuel Dios, Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, a titular de Cooperación Exterior transmitiulles os rapaces e rapazas que non esquezan que eles, que teñen a oportunidade de se formar,  “son as voces dos nenos e nenas do mundo”.

A Cooperación Galega, dedica o 11,5% dos seus recursos o apoio ao desenvolvemento educativo por exemplo, nas comunidades indíxenas de Chiriaco, en Perú, onde os cativos estudan lonxe das súas aldeas espalladas pola selva deste país, nun centro xestionado polas Siervas de San José; de Potosí, en Bolivia, pretendendo erradicar o traballo infantil nas minas, escolarizando os nenos nun centro impulsado por Asemblea de Cooperación pola Paz; ou de Nacala, en Mozambique, onde COVIDE ademais de pola educación, loitan tamén contra a desnutrición. Así mesmo, colabórase en proxectos de transferencia, coma o recentemente inaugurado, Instituto para o Desenvolvemento e Innovación Educativa (IDIE) na sede da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) en Bos Aires, Arxentina; ou en proxectos de atención integral á infancia, coma na rexión da Casamance en Senegal, con UNICEF.

 No acto central da “Semana Mundial pola Educación” na capital galega, que organizan o Seminario Galego de Educación para a Paz, Entreculturas e InteRed, reivindícase este ano o lema “Superemos a exclusión ¡Calidade na educación!”. Alumnos de oito centros escolares (CEIP López Ferreiro, CEIP Raíña Fabiola, CEIP Fontiñas, IES Rosalía de Castro, IES Antón Fraguas, IES Arcebispo Xelmírez, Colexio San Francisco Javier e Colexio Compañía de María) armaron un puzzle xigante representativo na Praza da Quintana, e instaron aos gobernantes a aumentar o esforzo para que o acceso universal a Educación sexa pronto unha realidade.